NA CATEGORíA FEMININA E EN RELEVOS MIXTO

Galiza proclámase campioa estatal de Tríatlon tras gañar a proba de relevos

Galiza vén de proclamarse hoxe en Almazán (Soria) campioa estatal de Tríatlon, logo de lograr o triunfo na proba de relevos mixtos.

A proba de hoxe era decisiva, xa que Galiza chegaba como líder, pero só cun punto de vantaxe sobre Andalucía. Esta loita entre os dous equipos viuse reflectida na proba de relevos. Desde o inicio, foi un man a man co grupo andaluz.

Os equipos estaban formado por dous mozos e dúas mozas e as distancias eran de 300 metros de natación, 6,7 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pé. O primeiro relevo galego foi realizado por Melina Alonso, que entregou a testemuña a Alberto Castiñeira na primeira posición, aínda que coa representante de Andalucía moi perto. O galego perdeu esta posición de privilexio e deulle o paso a Camila Alonso na segunda posición, a uns 30 segundos de Andalucía.

A continuación, a deportista do Tríatlon Ferrol fixo unha gran remontada e recuperou o primeiro posto, para entregar a testemuña a Abraham Castellanos, situado de primeiro cuns poucos segundos de vantaxe. Castellanos deu o máximo nesta derradeira quenda e logrou aumentar a distancia para garantir o triunfo e o título para Galiza no Campionato estatal de Tríatlon. Desta forma, tal e como informa a Federación Galega de Tríatlon, Galiza proclamouse campioa co triunfo nas probas da categoría feminina e de relevos mixtos, mentres que logrou a terceira posición na categoría masculina. O podio definitivo quedou formado por Galiza como campioa, Andalucía na segunda posición e Madrid, na terceira.

Comentarios