Galiza pon un pé na elite do ciclocrós planetario

Digno estreo das corredoras  galegas no Mundial
As tres representantes do país finalizaron no 'Top-25'. (Foto: FGC).
photo_camera As tres representantes do país finalizaron no 'Top-25'. (Foto: FGC).

Unha semana despois de acumular medallas no Campionato de España, a Selección da Galiza de Ciclocrós viviu outra xornada para a lembranza, pois tres ciclistas do país -o júnior Ricardo Buba, a tamén júnior Laura Mira e o Sub-23 Miguel Rodríguez- debutaron na Copa do Mundo, unha proba que se desenvolveu na localidade francesa de Flamanville. 

Na rexión da Baixa Normandía, nun circuíto moi húmido e esvaradío, o primeiro corredor do combinado dirixido por Alberto del Río que entrou en acción foi o flamante campión estatal júnior, Ricardo Buba -vestindo unha edición especial do uniforme da selección galega co distintivo de campión de España-, quen saíu desde a primeira liña da grella de saída. Co neerlandés David Haverdings marcando a pauta case que de principio a fin, o gondomareño completou a primeira das cincos voltas na décimo oitava posición e rematou a carreira no vixésimo segundo posto, a 4.32 do gañador, un  resultado que lle outorga catro puntos UCI. 

A décimo cuarta e penúltima xornada da Copa do Mundo continuou coa carreira júnior feminina. A subcampioa estatal Laura Mira, décimo oitava á conclusión do primeiro dos cinco xiros, finalizou vixésimo quinta. A porriñesa cruzou a liña de meta a 6.15 da vencedora, Leonie Bentveld (Países Baixos), e sumou un punto UCI. 

E de fechar a participación galega en Flamanville encargouse o Sub-23 Miguel Rodríguez. Terceiro o pasado domingo no Campionato de España, a posición do ponteareán pouco variou durante as seis voltas: do vixésimo terceiro posto no primeiro parcial ao vixésimo quinto na clasificación final, o que lle concede un punto UCI. O gañador do Estatal Sub-23 desta campaña cedeu 4.54 respecto ao belga Emiel Vestrynge, que se fixo coa vitoria nun igualado duelo con Ryan Kamp.

A UCI Cyclo-Cross World Cup despedirase por esta tempada o vindeiro domingo no circuíto neerlandés de Hoogerdeide. Alí estarán Laura Mira e Miguel Rodríguez competindo nas probas elites debido á suspensión das súas categoría pola Covid-19, mesmo motivo que impide a participación de Ricardo Buba logo de cancelarse a carreira júnior. Esta será a última cita do calendario internacional previa a un Mundial, que se correrá o 29 e o 30 de xaneiro en Fayetteville (Arkansas, EEUU).

Comentarios