DO 28 DE XULLO A 2 DE AGOSTO

Galiza, a polo Mundial de fútbol gaélico, que reúne en Irlanda 85 equipos

Os equipos nacionais feminino e masculino participan do 28 de xullo ao 2 de agosto nos GAA World Games, que reúnen en Irlanda 85 combinados e máis de 1.200 xogadoras e xogadores de todas as partes do mundo. Entre os rivais da selección masculina están Bretaña, Canadá ou Arxentina. A feminina enfrontarse a rivais como Rusia e Francia, entre outras.

futbol gaélico seleccion galega
photo_camera Imaxe de arquivo das seleccións galegas.

Galiza estará representada, por terceira vez, nun Mundial de fútbol gaélico. Con selección masculina e feminina e, desta volta, en Irlanda, berce e raíña deste deporte que en menos dunha década estendeuse polo noso país atrapando centos de practicantes e miles de afeccionadas. A cita é cos Renault GAA World Games 2019 (xogos mundiais gaélicos) que se celebran na cidade irlandesa de Waterford a partir do 28 de xullo coas finais o 2 de agosto no mítico estadio de Croke Park en Dublín.

seleccion masculina futbol gaélicoAs seleccións galegas de Fútbol Gaélico aceleran a súa preparación durante estas semanas coa vista posta no debut na competición. A fase preparatoria comezou hai varios meses con distintas concentracións de ambas as dúas equipas, pero intensificouse nos meses de xuño e xullo con 3 sesións semanais que se desenvolven en instalacións de Santiago e de A Estrada. No adestramento desta semana estivo presente o Coaching Manager da provincia irlandesa do Ulster, Roger Keenan, que aproveitou a súa estancia para coñecer a implantación deste deporte na Galiza.

No adestramento desta semana da selección galega estivo presente o Coaching Manager da provincia irlandesa do Ulster, Roger Keenan, que aproveitou a súa estancia na Galiza para coñecer a implantación deste deporte no noso país.

En 2015 a Gaelic Athletic Association (GAA) creou os xogos mundiais, que nesta terceira edición reúnen 85 equipos e máis de 1.200 xogadores e xogadoras de todas as partes do mundo. O evento acollerá unha fase “Irish” na que só xogan irlandeses que viven fóra de Irlanda e outra “Native” na que compite Galiza e outras seleccións formadas por deportistas non irlandeses.

seleccion feminmina futbol gaélicoEnfrontamentos

A selección galega masculina enfrontarase a outros 24 equipos onde destacan algúns tan fortes como Nova York, San Francisco, Francia, Canadá, Australia, Bretaña ou Arxentina. No feminino competirán 17 seleccións, destacando tamén as estadounidenses, Canadá, Rusia ou Francia, entre outras. O torneo estruturarase nunha primeira parte de liguiña onde os primeiros clasificados accederán logo á loita polo título mentres os demais pasarán a competir nas fases “Plate” e “Shield”. Nos próximos días sortearanse os grupos.

As Seleccións Galegas aspiran a facer un bo papel e a competir “de ti a ti” contra os mellores equipos, tratando de mellorar as participacións anteriores e coa bagaxe que ofrece o campionato europeo femenino e o subcampionato masculino do pasado verán.

Seleccionadas

Polo equipo feminino entraron na convocatoria: Porteira: Silvia (Touronia), Defensas: Albilla (Fillas), Ánxela (Estrela), Lucía (Estrela). Medios-defensivas: Lorena (Herdeiras), Alba (Auriense). Medios-ofensivas: Eva (Fillas), Nercellas (Herdeiras), Naza (Herdeiras), Carme (Keltoi). Dianteiras: Uxía (Estrela), Leti (Fillas) e Loles (Turonia).

Polo equipo masculino:Porteiro: Mancu (Irmandinhos). Defensas: Álex (Irmandinhos), Yupe (Irmandinhos), Bermejo (Estrela). Medios-defensivos: Panzu (Irmandinhos), Jacobo (Auriense), Adriano (Estrela). Medios-ofensivos: Álex. C (Estrela), Santalla (Herdeiros), Tomás (Keltoi), Gorri (Irmandinhos). Dianteiros: Julián (Fillos), Víctor (Fillos) e Couso (Estrela).

A selección galega de Fútbol Gaélico é amateur e ten que custear a participación no mundial, polo que agradece a colaboración económica de todas as empresas patrocinadoras, así como a da Federación Galega de Fútbol e a dos concellos que ofrecen as súas instalacións (Santiago, A Estrada e Lalín). Actualmente está aberto un prazo de colaboracións individuais.

Comentarios