Galiza perde o encontro amistoso de bèlit diante dunha selección dos Países Cataláns

Coincidindo co derbi galego de fútbol entre o Celta e o Deportivo tivo lugar en Barcelona un encontro de bèlit, a billarda catalá, entre dúas seleccións de Galiza e Països Catalans. Non era a primeira vez que ambas as dúas formacións xogaban un amistoso. O resultado final desta vez foi de PPCC 575 – Galiza 550.
Foto oficial do partido de bèlit entre a selección de Galiza e a de Països Catalans. (Foto: Tamara Díaz)
photo_camera Foto oficial do partido de bèlit entre a selección de Galiza e a de Països Catalans. (Foto: Tamara Díaz)

Catalunya está a recuperar o Bèlit, un xogo moi semellante a billarda galega, con importante participación galega desde a súa recuperación no 2004 no barrio de Sant Narcís en Girona. Esta tempada compiten 16 equipas e celebran o 8º campionato. O primeiro encontro entre unha selección de Països Catalans e a da Galiza fora en xaneiro de 2011, tamén en Barcelona, co resultado de 450 a 200 para os cataláns.

No partido internacional xogado o pasado 15 de abril en Sants (Barcelona), a irmandade entre ambas as dúas formacións deportivas quedou evidente desde o primeiro intre. A xornada comezou cunha xuntanza entre siareir@s do Celta e o Depor para ver o derbi no Casal Independentista de Sants “Jaume Compte”, logo un xantar e o posterior partido na Espanya Industrial Stadium. A seleccionadora catalá Ariadna convocou para o encontro a Anna, Roger, David, Carlos, Dídac, Francesc, Aniol e Marc. O seleccionador galego, desta volta Ângelo ao non poder viaxar Paco Flores, convocou a Xosé Mari, Lico, Fernando, Miguel, Aitor, Suso, Jesús e o propio Ângelo, ao non contar con parte dos habituais que non puideron viaxar. Para a ocasión a selección galega vestía de negro en sinal de loito pola queima nas fragas do Eume. Mália un comezo frouxo (na primeira parte o marcador era de PPCC 350 – Galiza 215) o partido rematou co resultado final, PPCC 575 – Galiza 550 grazas a remontada final da equipa galega. A nosa selección xogará en vindeiras datas coa de Euskal-Herria segundo informan en O Varal, o blogue da Liga Nacional de Billarda.

Comentarios