Gustavo Rodríguez e Saleta Castro, ouro e prata no campionato de España

Galiza exhibe a súa hexemonía no tríatlon de longa distancia

A proba decorreu en Pontevedra este sábado e evidenciou o excelente momento de forma das e dos triatletas galegos. En clubes Galiza acaparou os títulos: o masculino foi para o Tri-Pentas Terra de Lugo e o feminimo, para o Cidade de Lugo fluvial.

podio masculino (1)
photo_camera Podio masculino da proba.

Galiza é unha potencia no tríatlon e así o puxo en evidencia, mais unha vez, no campionato de España realizado esta fin de semana en Pontevedra, con grande presenza de público. Triunfo individual (ouro de Gustavo Rodríguez, prata de Saleta Castro, cuarto posto para Cristóbal Dios) e triunfo colectivo, coas equipas galegas a dominaren quer en homes quer en mulleres.

Na proba masculina, Gustavo Rodríguez (Tri-Pentas Terra de Lugo) alicerzou a súa vitoria sobre o percorrido de 116 quilómetros en bicicleta. Foi aí cando se puxo á fronte da proba, lugar de privilexio que xa non abandonaría, embora se vise moi presionado na carreira a pé por Ander Okamika, quen finalmente debeu conformarse coa segunda praza. A cuarta, moi perto do podio, foi para o tamén galego Cristóbal Dios.

Ao termo da proba, asi o recolle o comunicado de imprensa enviado pola Federación Galega, Gustavo Rodríguez admitiu que sufrira abondo durante a carreira, nomeadamente a causa de problemas estomacais: "Estas cousas suceden na longa distancia, non todo pode ser fácil", relativizou.

Coa moral da vitoria, Rodríguez xa pon o foco no mundial 2019. Non só por ser a competición cimeira da especialidade, senón porque desta volta irá decorrer en Pontevedra. “O Mundial sempre é especial para min, pero no 2019 moito máis porque se celebra en Pontevedra, a
cidade na que me formei como deportista, a miña segunda casa”, declarou o flamente campión de España, quen totalizou un tempo final de 5:47:47 face os 5:50:46 de Okamika.

Na categoría feminina, excelentes as prestacións de Saleta Castro, quen se fixo co subcampionato. Non lle deu opción de triunfo a vencedora, a catalá Anna Noguera. “No único no que pensaba era en chegar a meta como fose, non me importaba a posición”, declarou Castro (Cidade de Lugo Fluvial) ao remate da proba.

comentarios