REMO

Galiza deixa por popa ao resto de territorios ao acadar todas as bandeiras do estatal de bateis

As tripulacións de clubes galegos venceron en todas as categorías e acadaron 14 das 21 medallas
Batel de Rianxo
photo_camera Batel de Rianxo

Galiza vén de acadar en augas de Moaña un fito histórico. Gañar en todas as categorías do Campionato de España de bateis. Sete de sete en bandeiras e 14 das 21 medallas en liza foron para clubes do noso país, que competiron nesta edición con bateis de Euskal Herria e Cantabria. O éxito, a maiores, produciuse tanto na categoría feminina coma na masculina, amosando así o gran potencial e canteira que existe na Galiza en canto a banco fixo.

No grupo de promesas feminino a embarcación vencedora foi a de Robaleira, mentres que na segunda categoría o primeiro posto conquistouno Ares e na absoluta a bandeira foi para a tripulación de Meira. No que atinxe ás regatas da categoría masculina, Tirán foi a gañadora en absoluta, A Cabana en infantil e Tirán en Cadetes. É de salientar o feito polo batel de Rianxo, que se proclamou vencedor en xuvenís, obtendo así a súa sexta bandeira consecutiva.

A celebración en Moaña deste campionato congregou a siareiros e afeccionados ao remo nesta localidade do Morrazo. Asemade, medios coma Todoremo fixeron un seguimento minuto a minuto do que acontencía na competición.

A fotografía que ilustra esta nova é de Xoán Antón Castro

Comentarios