Galiza conquista 1 ouro, 1 prata e 2 bronces nun estatal de traiñeiriñas de dominio vasco

Mecos, Robaleira e Tirán coparon o podio na categoría xuvenil. Na quenda da ‘absoluta’ venceu Ziérbana e as galegas (Cabo e Tirán) ficaron sen medalla. Na feminina, Chapela, terceiras. Queixas por erros na organización.

Traiñeiriñas
photo_camera Foto: Mecos

Un total de 28 traiñeiriñas tomaron parte esta fin de semana no Campionato estatal, que se disputou en augas de Santander nun campo de regatas non exento de polémica. Dez botes eran galegos, outros tantos vascos e 8 cántabros. Só nunha das 3 categorías nas que se competía (a xuvenil) puido Galiza obter unha vitoria, tendo que se conformar na feminina cun bronce, mentres que na absoluta os 2 representantes galegos ficaron sen medalla.

Mecos, Robaleira e Tirán coparon o podio (ouro, prata e bronce) na categoría xuvenil masculina, sen dar opción a Kaiku e Getaria, que ficaron a 25 e 30 segundos do gañador.

En absoluta feminina a vitoria foi para o bote de Koxtape, cun tempo de 15:56:95, entrando a menos dun segundo a traiñeiriña de Zumaia. O bronce foi para o bote de chapela, a máis de 40 segundos. Mecos e Samertolameu de Meira foron cuarta e quinta, respectivamente.

Ziérbana foi a vencedora desta edición do estatal de traiñeiriñas, por diante de Bermeo (campións no 2014) e de Koxtape. Za fóra de podio, Cabo de Cruz e Tirán. O seu triunfo na absoluta masculina foi contundente, sacando 8 segundos ao segundo bote, Bermeo.

As balizas, protagonistas

Como recollen medios locais e vascos, como o Deia, durante todo o campionato houbo problemas coas balizas e o campo de regatas. A organización errou á hora de medir correctamente as balizas, o que obrigou a retrasos de máis dunha hora na primeira xornada: a rúa 5 chegou a ter unha diferenza de 10 metros a respecto das outras.

As balizas non foron a única queixa. Vogadores protestaron pola 'intromisión' de barcos que non competían no campo de regatas en plena competición ou polo mar que creaba a entrada no porto de Santander de buques de grande tonelaxe, que afectaban á competición.

Comentarios