sábado 30.05.2020

Galiza conquista a 'Xungla de Cristal'

O galego Luís Penín escala unha das vías máis difíciles de Europa
O corpo humano pendura exposto a caídas de máis de 20 metros durante a ascensión ao 'Strib Langsam'. (Foto: Nós Diario).
O corpo humano pendura exposto a caídas de máis de 20 metros durante a ascensión ao 'Strib Langsam'. (Foto: Nós Diario).

Die Hard é un popularísimo filme, denominado pola distribuidora española como A Xungla de Cristal, no que o inefábel policía John McClane loitaba con todos os medios ao seu alcance pola supervivencia no medio dunha crise de reféns no edificio Nakatomi dos Ánxeles.

En Alemaña e Austria a película de Bruce Willis titulouse Stirb Langsam, nome co que as persoas que practican escalada tamén coñecen unha das paredes máis duras do mundo, unha auténtica xungla de cristal de roca e xeo situada nos Alpes, moi cerca do pico Zugspitze, de 2.962 metros de altura, un lugar tan fermoso como perigoso no límite da fronteira xermano-austríaca.

Até o de agora só un home, o alpinista Michi Wohlleben, fora quen de subir ao máis alto da Xungla de Cristal, mais un galego, Luís Penín -acompañado de David López Sáenz- xa figura con el nos libros de historia da escalada, logo de coroar a parede hai apenas un par de semanas.

En declaracións a Nós Diario, o veterano escalador explica que estivo preparándose durante "catro meses" para afrontar un reto "moi complicado", por ser "un tipo de vía que, pese a non ser moi longa, pois ten 200 metros, se sube por roca e xeo, do que ten un nivel dun sexto, e hai que ter en conta que a máxima mundial de dificultade é un sétimo".

"Nesta vía resulta difícil subir en todos e cada un dos tramos de corda polos que se escala, tanto física como tecnicamente, xa sexa en xeo ou en mixto", engade Penín, que considera que outro dos maiores retos que ten que afrontar un escalador de elite é a presión psicolóxica das alturas.

"Cando te ves colgado dun muro de 200 metros de xeo... impresiona. Non ten nada que ver co que poida parecer nunha foto ou nun vídeo, cambia por completo", confesa Luis Penín, que asegura seguir sentindo a "presión" da montaña, pese aos seus máis de 30 anos de traxectoria.

"Hai que estar sempre concentrado, o compoñente psicolóxico resulta fundamental na Stirb Langsam, pois presenta seccións de roca moi deteriorada, ou sitios de xeo nos que non podes poñer seguros porque é demasiado malo e te expós a caídas de 20 metros ou máis... aínda que o certo é que, se ben a 200 metros en vertical a cabeza diche 'que carallo fas aquí, baixa', en canto estás en terra só podes pensar en volver subir", sinala entre risos o John McClane do alpinismo galego.

comentarios