Galiza conclúe o Estatal de pista cuberta con 109 metais

Esther Pedrosa, nova récord mundial dos 3.000 metros.
A galega posa orgullosa ante a súa nova plusmarca. (Foto: FEAT).
photo_camera A galega posa orgullosa ante a súa nova plusmarca. (Foto: FEAT).

O recinto de Expourense tornou a Cidade das Burgas na capital estatal do atletismo veterano co gallo do Campionato de España Máster de pista cuberta, que reuniu sobre o seu tartán ás mellores deportistas do momento.

Galiza, ademais, protagonizou unha gran actuación, pois non só foi a delegación máis numerosa da proba -con 219 representantes-, senón que asinou no certame un récord do mundo, tres de España e 22 galegos para totalizar 43 medallas de ouro, 35 pratas e 31 de bronce, que en termos absolutos representa o mellor balance de cantos territorios foron da partida.

De entre todas esas fazañas brilla con luz propia a  conseguida por Esther Pedrosa, un dos grandes nomes desta edición. A atleta compostelá lograba xa na xornada inaugural un novo récord do mundo sobre a proba dos 3.000 F-60, mellorando así o seu propio tempo até deixalo en 11.08.45 e certificando, de paso, a súa terceira plusmarca mundial en apenas dous meses.

Ademais, posteriormente conseguiu o broche de ouro con outro título e récord -neste caso estatal- na carreira dos 1.500 metros, que finalizou cun tempo de 5.15.00.

O resto de récords viron da man de equipo de relevos F-55 do Club Atletismo Sada, quen sobre os 4×200 metros lograba o titulo e o récord de España cun tempo de 2.07.58.

Numerosos duplos medallistas de ouro

Entre o total de 109 medallas logradas polos atletas galegos e galegas destacan os dous ouros logrados que lograron por partida dupla xente como Daniel Giménez (Atletismo Sada), que foi o mellor nos concursos de altura e lonxitude M-40.

Tamén lograron a mesma xesta Basi Bernárdez (A Silva) -aínda que no seu caso concreto no triplo salto e o salto de lonxitude M-45-; Rosario Sureda (Lucus Caixa Rural Galega), indiscutíbel número un no salto de altura e nos 200 metros lisos F-55; a devandita Esther Pedrosa (Praias de Castellón) nos 3.000 e nos 1.500 metros F-60; Carlos Ferrer (Atletismo Narón) nos valos e o Pentathlon M-60; e Domingo Álvarez (Burgas Ourense) nos 400 e os 800 metros lisos M-65.

Fóra do eido galego, cabe destacar os récords mundiais conseguidos polos madrileños Manuel Alonso e Juan Cuadrilero, novos recordman dos 3.000 e os 1.500 metros, respectivamente.

Comentarios