Galiza cambia de seleccionador de fútbol gaélico a poucas semanas de xogar o Mundial

Carlos Seco abandonou o cargo no combinado masculino, que asume agora a tripleta formada por Alexandre Sanmartín, Jerry Holmes e Martín Fernández. Esta semana está previsto que se coñeza a lista de xogadores dun equipo que segue a buscar financiamento.

selección de fútbol gaélico
photo_camera Selección de fútbol gaélico

A selección galega de fútbol gaélico disputará -tanto en categoría masculina como feminina- o Mundial da modalidade que terá lugar en Abu Dabi a principios de marzo. E a un mes da histórica competición -o primeiro campionato ao que Galiza acode cun combinado oficial, encadrado no Grupo B- o conxunto mudou de adestrador, logo de que durante os preparativos para a cita do mes de xaneiro abandonase o cargo o coruñés Carlos Seco, uns dos principais introdutores deste deporte en Galiza desde hai catro anos. 

Finalmente, após un proceso de debate no que se produciron algunhas tensións, o relevo no posto quedou en mans de tres adestradores: Alexandre Sanmartín (do Estrela Vermelha de Compostela); Jerry Holmes (do Irmandinhos da Estrada) e Martín Fernández, (do Fillos de Breogán da Coruña). A pre-selección de trinta homes xa traballou en varios adestramentos e está previsto que a lista de 12 convocados definitiva se coñeza esta semana. 

Á vez, segue en marcha o proceso de financiamento colectivo en rede co que a Asociación Galega de Fútbol Gaélico solicita colaboración para pagar os gastos derivados do desprazamento ao Mundial. Co obxectivo de acadar 5.500 euros levan cubertos arredor da metade, ao tempo que continúan as negociacións con empresas e institucións, que polo de agora non deron os resultados desexados para a selección.

Comentarios