A selección masculina perdeu fronte a Francia o partido decisivo

Galiza caeu ás portas da final

As seleccións galegas de fútbol gaélico xogarán finais de consolación. A masculina sucumbiu por dous puntos fronte a Francia no partido no que se xogaban o pase á final mundial e loitará polo terceiro posto. A feminina rematou segunda do grupo das eliminadas e xogará a final 'Shield' fronte a Francia.

A selección masculina na xornada de onte.
photo_camera A selección masculina na xornada de onte.

Francia deixou a Galiza fóra da final, apartándoa do soño mundialista e impedindo que voltasen xogar unha final mundial, neste caso contra Nova Iork. Despois da derrota fronte os franceses terán que pelexar polas final de consolación. A Selección masculina disputaba a 2º rolda nun grupo con Alemaña, Arxentina e Francia, no que só un podía acadar a final de mañá, sexta feira. O primeiro partido contra Alemaña agardábase parello pero a Irmandiña, que comezou moi forte, pasou por riba do conxunto xermano cun contundente 4-05 (17) a 0. Isto subiu a moral dos galegos que afrontaban unha reválida fronte Arxentina, vixente campioa do mundo, a costa de Galiza na final de Abu Dhabi do ano pasado. Neste encontro, Galiza amosou o seu máximo nivel cun xogo rápido e fluído. A dianteira con Rubén Leborán, Mario Iglesias e Adriano Quiroga foi decisiva e o partido gañouse por 8 puntos de diferenza cun 2-04 (10) a 0-02 (2).

Con todo, a selección galega tiña diante o último escollo no partido contra Francia para acadar a final de Croke Park, para a cal Nova Iork xa tiña o pase asegurado ao gañar o seu grupo na segunda rolda. Francia comezou o partido con superioridade e chegou ao descanso vencendo 5-1 aos galegos. Galiza remontou pouco a pouco o encontro, pero o tempo non foi suficiente e rematou cun 1-04 (7) a 0-09 (9) en contra.

A Selección feminina disputaba a segunda rolda co obxectivo posto na final de consolación que se xogará este mediodía. O seu grupo contaba coa segunda selección da Asociación Europea, Francia e Sudáfrica. O combinado de Europe 2 voltou ser inferior ás galegas que gañaron de xeito folgado cun 4-07 (19) a 0. O segundo partido contra Francia foi de igualdade extrema. As nosas chegaron á última xogada con 2 puntos de vantaxe, mais unha falta polémica a prol das galas rematou en gol francés. Con isto sumaron tres puntos que provocaron a derrota galega por 2-02 (8) a 2-01 (7). No último partido, as galegas xogábanse o paso á final de consolación, para o cal precisaban gañar contra Sudáfrica. Fixérono. Sen excesivos problemas acadaron a vitoria por 1-04 (7) a 0-01 (1).

Terceiro día de competición

Na xornada de hoxe, as mulleres xogarán a final de consolación ‘Shield’, que as enfrontará de novo contra Francia. O encontro disputarase no campo principal da UCD en Dublín ás 13:30h. Os homes loitarán polo terceiro posto, nunha rolda na que os grandes rivais serán as Asociacións de Chicago, San Francisco e Canadá. O primeiro partido será fronte Beijing ás 13:00h (hora galega). De gañar, pasarían contra o vencedor do Chicago-Asociación Europea, nun partido que os podería levar á final polo terceiro ou cuarto posto.

Comentarios