mércores 28/10/20

Galiza buscará medallas sobre a bici

As competicións de BTT adiadas pola pandemia da Covid-19 nas modalidades XCO e DHI retómanse esta fin de semana coa participación da selección galega. Na edición deste ano quince deportistas tentarán mellorar os podios que se conseguiron en 2019. As probas terán lugar en Valladolid e Otívar (Granada). 
Lara Lois na Super Cup Massi de Banyoles onde competiu coas mellores deportistas do XCO mundial (Extol MTB Team)
Lara Lois na Super Cup Massi de Banyoles onde competiu coas mellores deportistas do XCO mundial (Extol MTB Team)

Este 2020 non está a ser fácil para o deporte e non hai disciplina que escape ás mudanzas dun calendario que cada vez ten menos días para situar todas as probas anuais. É o caso dos campionatos estatais das probas ciclistas XCO e DHI que tiñan que realizarse inicialmente no mes de xullo e que agora se xuntan nesta mesma fin de semana. Desta vez viaxarán un total de quince ciclistas coa selección galega que, nesta ocasión, terá que duplicarse para estar presente nas probas que acollerán Valladolid e Otívar (Granada). 

Obxectivo: mellorar o medalleiro do ano pasado

Despois de lograr dúas medallas o pasado domingo nos estatais de Enduro, a selección buscará superar o medalleiro que acadou en 2019. Daquela a selección fíxérase con tres metais nos estatais de XCO. Un dos dous ouros que conseguiu chegara no Team Relay, a carreira de remudas por equipos que nesta ocasión non se disputará, ao igual que a especialidade do Eliminator. Na proba de descenso BTT-DHI a última referencia para a selección galega son as dúas medallas obtidas no 2019.

XCO coa participación de Pablo Rodríguez

O programa de competición para os especialistas no Cross Country Olímpico arrancará este sábado en Valladolid no circuíto do Cerro de las Contiendas. Pola mañá terán lugar as probas máster e ao mediodía (14.15 horas) entrarán en acción os sub23 masculinos con Iván Feixoo (Nesta) lucindo as cores galegas. Fecharán esta primeira xornada os xuniors, a partir das 15.50 horas, unha carreira na que a nosa selección aposta polo trío formado por Anxo Carril (Coruxo), Gabriel Conde (AD Avanza) e Miguel Rodríguez (Ponteareas).

Os pratos fortes virán o domingo. Primeiro coas tres galegas, a elite Lara Lois (Extol MTB team) e as sub23 Andrea García (Maceda) e Irene Trabazo (XSM) que defenderán os intereses do combinado nacional a partir das 10.30 horas. Despois, pasado o mediodía, serán os elites masculinos con Alberto Pedreira (Bici Verde), Saúl López (Maceda) e Jorge Punzón (Cosmos) como integrantes do equipo galego. Nesta categoría un dos candidatos á vitoria é o ourensán Pablo Rodríguez (BH Templo). 

A proba de descenso cun desnivel medio de -18,4%

En Otívar, Granada, terán lugar o domingo os títulos da proba de descenso BTT-DHI. A Federación Galega, nesta ocasión, desprazará deportistas que teñen como denominador común a súa xuventude. 

A nivel individual, o vigués Ángel Suárez (YT Mob) é a principal baza galega agora mesmo na categoría elite. Ademais participarán e Uxía Álvarez (Coruxo), o júnior Senén Bastos (AD Avanza) e os sub23 Marco Martínez (Corbelo), Víctor Mariño (Xbikes) e Alejandro Paz (Bicis Oliveira). Hoxe decorrerán os adestramentos oficiais e a competición comezará na xornada do domingo a partir das 10 horas coa quenda clasificatoria para decidir a orde de saída na final (12 horas). As e os participantes lanzaranse nunha baixada de 1.5 km de lonxitude, un percorrido técnico espectacular cun desnivel medio de -18,4%.

comentarios