Galiza, a asaltar os ceos no Mundial de Sprint

15 padexeiras e padexeiros conforman a representación galega.
Antía Jácome volve á acción logo do seu quinto posto en Toquio. (Foto: Fegapi)
photo_camera Antía Jácome volve á acción logo do seu quinto posto en Toquio. (Foto: Fegapi)

O lago Bagsvaerd, situado na cidade danesa de Copenhague, acolle desde esta quinta feira e até o vindeiro domingo, 19 de setembro, o Campionato do Mundo Sprint 2021.

A ausencia dalgúns países como Nova Zelandia e Australia a causa das súas políticas en relación á Covid-19 non impedirá que este Mundial sexa o primeiro certame do novo programa olímpico rumbo aos Xogos de París 2024, nos que non será da partida o K1 200 metros tanto na modalidade masculina como na feminina, mentres que o K2 e o C2 1.000 metros reducen a súa distancia até os 500.

A representación galega na gran proba danesa está conformada por 15 padexeiros e padexeiras, entre os que brillan con luz propia os medallistas olímpicos Rodrigo Germade e Cristian Toro, que competirán no K2 500 e no K4 500, respectivamente. 

A distancia masculina de  K1 1.000 metros, pola súa banda, contará coa presenza do tomiñés Roi Rodríguez, mentres que a embarcación dobre estará composta por Pelayo Roza, do Fluvial de Lugo, e Pedro Vázquez, do Kaiak Tudense.

En kaiak feminino estarán presentes a pontevedresa Carolina García e Sara Ouzande, do Kaiak Tudense, que participarán no K2 500 e  no K4 500 xunto a Laia Pelachs e Begoña Lazkano.

A modalidade de canoa conta co padexeiro de Poio Adrián Sieiro, quen participará no C4 500 metros acompañado dos andaluces Cayetano García e Pablo Martinez, ademais do mallorquino Joan Moreno.

Manuel Fontán (Náutico O Muiño) debutará en categoría absoluta no C1 500 metros, mentres que David Barreiro (Breogán do Grove) sairá no C1 1.000 metros. Xa na C2, serán da partida na distancia do quilómetro Noel Domínguez (Breogán) e Martín Jácome (Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra).

Por último, Antía Jácome volve á competición un mes despois do seu debut nuns Xogos Olímpicos, que finalizou cun meritorio quinto posto na final de C1 200 metros. Non obstante, Jácome non competirá unicamente na proba individual, pois tamén o fará xunto á súa compañeira de equipo Antía Otero no C2 500 metros.

Ademais, Adrián Mosquera, padexeiro do Piragüismo Rías Baixas, participará na sempre competida modalidade de paracanoe, concretamente no K1 VL3 200 metros.

Comentarios