Galiza acollerá en outubro a Copa do Mundo de Carreiras de Aventura

A proba terá saída en Monforte e meta na Coruña
A proba transcorrerá por espectaculares paisaxes de máis de 50 concellos (Foto: Nós Diario).
photo_camera A proba transcorrerá por espectaculares paisaxes de máis de 50 concellos (Foto: Nós Diario).

O país galego volverá acoller un gran evento deportivo, nesta ocasión o Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura -tamén coñecido como Raid Gallaecia-AR World Championship 2021-, que arrancará o día 2 de outubro en Monforte de Lemos e finalizará o 9 do mesmo mes na cidade da Coruña.

A competición, que conmemora o Ano Xacobeo, atravesará diversos tramos do Camiño de Santiago, transitando por máis de 50 concellos diferentes. 

Segundo explicou a organización da proba na presentación, que tivo lugar na Cidade da Cultura, o Raid Gallaecia "axunta esforzo, resistencia e compañeirismo ao longo dos seus máis de 600 quilómetros, nos que os e as participantes terán que afrontar sectores de trail, bicicleta de montaña, caiac, coastering ou cordas, acumulando un desnivel positivo de 18.000 metros".

Ademais, o director da carreira, Pablo López Franco, salientou que é a carreira "máis inclusiva do mundo, polo feito de que as mulleres compiten nas mesmas condicións que os homes, incidindo en que serán da partida 94 equipos -14 de eles galegos- procedentes de 24 países diferentes".

"Comezamos no ano 2005, fomos os primeiros en traer unha proba da Liga Española á Galiza, e fomos crecendo pouco a pouco até ingresar nas Series Mundiais en 2005", engadiu un López Franco.

Tamén aproveitou para pór en valor algúns dos "espectaculares" lugares polos que transcorrerá o Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura, como "a Serra do Courel, os canóns do Sil ou as Fragas do Eume".

Porque, ademais da súa vertente deportiva, esta proba tamén pretende ser un escaparate dos atractivos turísticos que pode ofrecer a Galiza, "posicionándoa como un destino de turismo activo e de deportes ao aire libre", concluíu o director da carreira.

Comentarios