A Galiza acollerá cinco carreiras UCI de ciclocrós no ano 2022

O 'repóker' de probas concentrarase en outubro
Os gañadores e gañadoras nas distintas categoría posan xuntas no podio do circuíto de Maceda. (Foto: Luz Iglesias) #ciclocrós #ciclismo #montaña #maceda #campionato
photo_camera Os gañadores e gañadoras nas distintas categoría posan xuntas no podio do circuíto de Maceda. (Foto: Luz Iglesias) #ciclocrós #ciclismo #montaña #maceda #campionato

O ciclocrós galego continuará medrando neste ano 2022, e non só polo elevado nivel dos seus corredores e corredoras, senón porque a Galiza será escenario de cinco eventos do calendario UCI (Unión Ciclista Internacional), tres citas máis que na campaña 2021/22 que está a piques de rematar.

Este 'repóker' de probas concentrarase no mes de outubro, e máis concretamente durante oito días máxicos nos que o país galego tornará na referencia mundial do ciclocrós. 

A primeira delas será o Gran Premio Cidade de Pontevedra, que por segundo exercicio consecutivo gozará da categoría UCI C1.

Así, a Illa das Esculturas acollerá o que todo apunta que será ensaio xeral para un Campionato de Europa que, a falta de confirmación oficial, se disputará no circuíto a carón do Lérez no 2024.  

Repetindo a fórmula das últimas tempadas, ao día seguinte (9 de outubro), o Ciclocrós International XaxanCX fechará a fin de semana.

A xornada dominical, organizada polo XSM de Marín no trazado de Chan de Gagán, mantense como evento C2, o mesmo rango que as tres probas que se estrearán no panorama UCI. 

O 12 de outubro, festivo estatal, chegará a primeira edición do Ciclocrós Internacional Lago das Pontes, evento impulsado polo Club Ciclista Vilalba-As Pontes.

Deste modo, a localidade eumesa entra pola porta grande no calendario e exercerá de enlace con outra fin de semana de dobre cita con esta modalidade na contorna do Salnés: o Ciclocrós Internacional de Ribadumia (15 de outubro) e o Ciclocrós Con da Romaíña-Concello de Sanxenxo, que lucirá por primeira vez no seu nome a catalogación de internacional. 

Comentarios