venres 24/09/21

Tres galegos e un destino na Primeira RFEF: o ascenso

A nova Primeira RFEF, categoría herdeira da desaparecida Segunda División B, arranca nesta sexta feira con 62 equipos menos dos que a tempada pasada conformaron a terceira categoría (de 102 a 40) e con tres conxuntos galegos, Dépor, Rácing e Celta B, que comparten o común obxectivo da loita polo ascenso. 
O sempre morboso duelo entre o filial celeste e o Deportivo da primeira xornada abrirá a listaxe de derbis galegos na Primeira RFEF. (Foto: RC Deportivo).
O morboso duelo entre o filial celeste e o Deportivo da primeira xornada abrirá a listaxe de derbis galegos na Primeira RFEF. (Foto: RC Deportivo).

Dúas semanas máis tarde que a Primeira e a Segunda División arranca a terceira categoría do fútbol Estatal, que perde a denominación que viña recibindo desde o ano 1977 -Segunda División B- e pasa a ser coñecida como Primeira RFEF.

A principal novidade da competición con respecto á pasada campaña é a completa reestruturación no seu formato, deixando atrás o caos dos 102 equipos integrados en innumerábeis grupos e subgrupos para dividir unicamente 40 conxuntos en dúas ligas de 20.

Configuradas segundo criterios xeográficos noroeste/sudeste -razón pola que os únicos territorios con representantes en ambos os grupos son Madrid e Castela A Mancha-, na fase regular cada equipo disputará 38 partidos co obxectivo de facerse co liderado da liga, que outorga directamente unha praza na Segunda División.

As escuadras que finalicen entre a segunda e a quinta posición de cada grupo terán unha nova oportunidade de facerse cun posto na categoría de prata, grazas a un play-off conxunto no que estarán en xogo dous ascensos á Segunda División. No outro extremo, descenderán directamente cinco equipos en cada un dos dous grupos que conforman a categoría, unha cifra inédita até o momento.

Tamén cambia con respecto á tempada pasada o tratamento dos casos de Covid-19 que se detecten nos diferentes equipos, flexibilizando a normativa até o punto de que xa non serán sinónimos do adiamento dos partidos. Por outra banda, e na procura dunha progresiva profesionalización, a Federación Española de Fútbol abre a man a que se disputen partidos nas sextas feiras -tanto é así que hoxe mesmo, ás 19.30 horas, Cultural Leonesa e Raio Maxadahonda inauguran o torneo e a xornada- e esixe que cada recinto conte cunha potencia de iluminación de 600lux, demanda que palidece en comparación coas que reclamará nos vindeiros exercicios, que inclúen céspede natural ou unha capacidade mínima para 4.000 espectadores, inasumíbeis para boa parte do tecido do fútbol modesto a nivel Estatal, aínda que si para os numerosos filiais de equipos grandes que ocupan até oito das 40 prazas da categoría.

Dépor, Celta B e Rácing, os representantes galegos

Galiza contará con tres representantes nesta edición inaugural da Primeira RFEF, todos eles integrados no Grupo 1. Ademais, e sobre o papel, tanto Real Club Deportivo da Coruña como Real Club Celta de Vigo B e Rácing Club de Ferrol deberían rematar a competición na zona nobre e, por que non, ocupando un ou mesmo os dous postos de ascenso que están en xogo.

O conxunto branquiazul, por orzamento, historia e afección é o máximo favorito, pero como aprendeu polas malas a pasada tempada, co teórico favoritismo non é abondo. Por iso, e cun novo técnico no banco -Borja Jiménez, de apenas 36 anos- logo da polémica marcha de De la Barrera, e co fillo pródigo Ian Mackay como fichaxe estrela, o Dépor agarda pór fin a un pesadelo que xa se estende por demasiado tempo.

Con respecto aos filiais, estes sempre son unha incógnita, e desenvolver unha boa actuación nunha tempada non significa que esta se vaia repetir na seguinte. Non obstante, e a pesar de cambiar máis da metade do seu cadro de xogadores, incluídas pezas chave como Carreira -o mellor lateral da categoría- o Celta B continúa mantendo o técnico -Onésimo-, estrelas como Lautaro e Holsgrove, a ilusión e esa fame de éxito que só dá na xuventude.

No estremo oposto está o Rácing de Ferrol, un conxunto que aposta pola veteranía e unha continuidade que, da man de Diego Rivas, Joselu, David Rodríguez ou Álex López quere traducir nun regreso á categoría de prata 14 anos despois.

comentarios