GalegoLab emitirá en directo a IV Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta

A canle galega contará o domingo 3 de xuño cun especial sobre a xornada de xogos tradicionais que organiza Xotramu.
Xotramu, xogos tradicionais

O domingo día 3 terá lugar no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta a IX Festa de Xogos Tradicionais e de 16 a 16.30 horas o evento poderá ser seguido a través da canle de GalegoLab en YouTube que retransmitirá un magazine de media hora. Para as persoas promotoras de GalegoLab, esta colaboración nace da vontade de “empregar as novas tecnoloxías para axudar na conservación e na difusión deste tipo de actividades, os xogos populares e tradicionais”. O programa televisivo incorporará entrevistas a membros da organización, participantes e público co fin de dar a coñecer o encontro a persoas que non se puideren deslocar a Muimenta. Ademais doutras actividades, o programa da festa inclúe unha competición de bolos e de chave, o campionato internacional de tiro de corda, o aberto de billarda, unha carreira de rolos de herba ou a competición de arrebolamento de sacho.

O programa televisivo incorporará entrevistas a membros da organización, participantes e público

O programa a través de YouTube trátase dunha actividade máis das desenvolvidas por GalegoLab desde a súa creación en 2010. O obxectivo desta iniciativa é o “impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, cun enfoque de abaixo-arriba”. A súa ferramenta principal é a web GalegoLab que definen como “unha rede social de crowdsourcing, para concitar apoios ás accións propias e as que propoñan os usuarios e outros colectivos”.

Comentarios