FICOU SEGUNDO NA PROBA DISPUTADA EN SOCHI (RUSIA)

O galego Uxío Abuín, campión do circuíto europeo de tríatlon

O triatleta de Lestrove Uxío Abuín vén de proclamarse campión na clasificación xeral da Copa de Europa, logo de lograr a segunda posición na proba disputada hoxe en Sochi (Rusia).

[Imaxe: @uxioabuin]
photo_camera [Imaxe: @uxioabuin]

Máis un éxito para o deporte galego despois do quinto triunfo de Javier Gómez Noya nas series mundiais de tríatlon. Nesta ocasión, o deportista Uxío Abuín vén de proclamarse campión da Copa de Europa logo de acadar a segunda posición na proba que tivo lugar en Sochi (Rusia) no día de hoxe.

O atleta de Lestrove chegaba como segundo clasificado da xeral, a 51 puntos de Aurelien Lebrun. Unha gran carreira fixo que o galego rematara segundo na proba de Sochi e que fose tan só superado polo ruso Dimitry Polyanskiy. Lebrun, máximo rival do galego, rematou a carreira no décimo quinto lugar. O galego controlou a proba de Sochi en todo momento, sempre no grupo de cabeza dende a saída da auga. O triunfo definiuse na carreira a pé a favor do ruso, que foi o máis rápido.

O circuíto de Copas de Europa está formado por 15 probas e para a clasificación final súmanse os catro mellores resultados e a gran final, que é obrigatoria. A gran final de Sochi disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 natación – 40 quilómetros de bicicleta – 10 quilómetros de carreira a pe).

O propio deportista narraba no seu blog as dificultades para competir nas 15 probas das que se compón o circuito europeo, "para estas probas non hai ningún tipo de axuda das federacións e nas viaxes déixaste bastantes cartos, mais é un investimento en pelexar por un título que me fai ilusión".

Comentarios