O galego Rubén Albés é o novo adestrador do Club Deportivo Lugo

Asume con 36 o reto máis importante da súa carreira
Rubén Albés, novo adestrador do Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: RCCelta)
photo_camera Rubén Albés, novo adestrador do Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: RCCelta)

O posto deixado vacante por Luís César Sampedro logo de seu despido á fronte do banco do Club Deportivo Lugo xa ten ocupante: o galego Rubén Albés.

A pesar de que desde arxentina chegaron informacións apuntando a que o escollido por Tino Saqués sería Ricardo Caruso Lombardi, un técnico xa veterano experto en salvar equipos en situacións límite, aínda que sen experiencia na liga española, finalmente o presidente da entidade albivermella optou por un perfil completamente diferente non só ao de Lombardi, senón ao do propio Luís César.

Albés naceu en Vigo en 1985, e no comunicado que oficializa a súa contratación, o club o define como "un dos adestradores con maior proxección no panorama estatal".

Esta frase non é unha esaxeración, pois no seu traballo á fronte do Celta B entre os anos 2017 e 2019 está o xermolo da privilexiada situación do filial celeste na actualidade.

O preparador vigués responde a un perfil de técnico cada vez máis común nos últimos tempos, e no que Galiza resulta especialmente pródiga, que é o do estudoso do fútbol, con formación superior -no seu caso, en Ciencias da Educación Física e do Deporte- e ampla experiencia a pesar da súa xuventude.

Ademais, non conta cunha carreira previa como futbolista de elite, sendo dous dos nomes máis representativos desta corrente o actual adestrador do Granada, Diego Martínez, e o coruñés Rubén de la Barrera, que dirixe o Deportivo desde xaneiro deste ano.

Sen tempo que perder, na xornada de onte dirixiu o seu primeiro adestramento e dentro de tres días, ante a Ponferradina, afronta a primeira das sete finais que ten por diante para lograr o obxectivo da salvación.

Comentarios