O certame nacional terá lugar o sábado 16 de abril

O Galego de Dúatlon congrega en Pontevedra case 150 deportistas

O certame nacional terá lugar o sábado 16 de abril.
Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes; Anais Rivas, representante da Fegatri; e Enrique Hernández, presidente do Triatlón Rías Baixas, club organizador da competición. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes; Anais Rivas, representante da Fegatri; e Enrique Hernández, presidente do Triatlón Rías Baixas, club organizador da competición. (Foto: Concello de Pontevedra).

Pontevedra volverá exhibir as súas mellores galas esta fin de semana de bo tempo -segundo Meteogaliza- para recibir o espectáculo do Campionato Galego de Dúatlon Sprint, que reunirá arredor de 138 deportistas na contorna natural do paseo fluvial do Lérez e a Illa das Esculturas. 

A competición, organizada pola Federación Galega de Triatlón (Fegatri) en colaboración coa Concellería de Deportes, desenvolverase o sábado 16 de abril pola tarde, con saídas conxuntas para todas as participantes de cada proba, sendo a masculina ás 16 horas e a feminina ás 17.30, abranguendo as categorías absoluta, Sub-23, júnior, veteranos I (40-49), II (50-59) e III (60 e máis) e de clubs.

Os e as duatletas deberán completar un circuíto de distancia Sprint que discorrerá esencialmente polo treito da avenida de Bos Aires entre as pontes dos Tirantes e A Palabra, con cinco quilómetros iniciais de carreira a pé, 18 quilómetros de ciclismo e outros 2,5 quilómetros a pé. 

Presentación no Concello de Pontevedra

O evento presentouse durante a mañá de onte no Concello nun acto no que estiveron presentes Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes; Anais Rivas, representante da Fegatri; e Enrique Hernández, presidente do Triatlón Rías Baixas, club organizador da competición.

Tal e como salientou Tino Fernández, "trátase do campionato de dúatlon de estrada máis importante a nivel galego, coa participación de duatletas que veñen de clasificarse nas probas anteriores disputadas en Poio, Lugo, Compostela e Vimianzo como as máis destacadas de cada equipo".

"En total serán 81 deportistas os que participen na proba masculina e 57 na feminina, que inclúen un total de 21 conxuntos galegos e a todas as categorías de idade", engadiu o responsábel de Deportes.

Comentarios