EVA VAL, REMEIRA DE CABO DE CRUZ E GAñADORA CATRO VECES DA KONTXA

‘’As galegas tiñamos a presión do campión por gañar todos os anos’’

Eva Val é remeira da traiñeira feminina de Cabo de Cruz e no seu palmarés figuran catro bandeiras da Kontxa. Afirma que se avanzou moito no remo feminino mais “aínda queda por facer”. 

cabo traiñeira feminina

Eva Val del Río (Esteiro, 1985) comezou a vogar aos 12 anos no batel da AD Esteirana. No clube da súa vila militou até o 2003, cando deu o salto a Cabo de Cruz, onde permaneceu até 2010. Tras pasar por Astillero (Cantabria) e Clube de Remo de Tui volveu ao clube barbanzán, onde voga na traiñeira feminina (que acabou 2ª na Liga Galega, tras Meira). No seu curriculum locen catro bandeiras da Kontxa, algo do que moi pero moi poucquiñ@s poden presumir en Galiza. Este domingo, na Bahía de Donosti, decorrerá a xornada final da Kontxa. Galiza estará representada por Cabo na categoría masculina. Na feminina, e por primeira vez desde que existe, non haberá representante galega.

Que pasou para que esta vez, e por primeira vez desde a súa creación en 2008, non haxa representación galega na Kontxa Feminina?

Pois que en vez de ir xuntos varios equipos nunha soa traiñeira fomos os clubes por separado. Como van as vascas, que compiten cos seus respectivos equipos, non nunha única embarcación. O certo é que o de armar para esta competición unha única traiñeira con remeiras de diferentes clubes de Galiza non é viábel no tempo: moita distancia que percorrer, moito desprazamento, ter que acoplarse e coodinarse... Este ano fomos dúas traiñeiras, Meira e Cabo. Por desgracia non puido clasificarse ningunha

Moita diferencia coas traiñeiras vascas?

Elas están un punto por riba de nós, son embarcacións que levan tres ou castro anos traballando ben, a bo ritmo, moitas desas traiñeiras xa levaban tempo vogando en bloque...pero foi unha experiencia moi positiva e apaixonante porque na traiñeira somos todos da casa. Creo que en poucos anos estaremos en posición de volver competir pola bandeira, polo menos niso confío (rí).

"Emociona ir pola vila e ver as bandeiras do clube nos balcóns, que a xente vaia esperar á traiñeira cando esta volve de competir..."

Mais ti xa tes experiencia en gañar a Kontxa, até en catro ocasións..

Gañar a Kontxa é emocionante. A traiñeira galega gañou cinco anos seguidos, ao final as galegas xa tiñamos a presión do campión porque gañabamos todos os anos. A bandeira que máis ilusión me fixo quizás fose a primeira, en 2008, porque era a primeira Kontxa da historia na que competían traiñeiras femininas, estabamos todas emocionadas...

Na Liga Galega de Traiñeiras (LGT) volveu haber categoría feminina (Meira, Cabo e Tirán) Está consolidado o remo feminino?

Se ben si que se avanzou, aínda queda moito por facer. O ano pasado non houbo LGT feminina, hai que consolidala. Nas mulleres é máis complicado xuntar unha tripulación e mantela dun ano para outro...Por exemplo, remeiras que quedan embarazadas e teñen un neno, deixan a traiñeira, e volver despois é máis complicado, aínda que hainas que volven remar.

A traiñeira é unha actividade tradicionalmente ligada aos varóns. Hai moito machismo ?

Tes que esforzarte e adestrar moi duro para ter recoñecemento pero teño que dicir que non temos problemas.

Como comeza unha rapaza de Esteiro a se interesar polo remo?

Eu tiña unha irmá que vogaba, pero no meu caso non foi iso o que me chamou. Eramos varias amigas e unha delas era patroa e animounos a facer unha tripulación. Tiñamos daquela 12 anos e eramos demasiado pequenas, non tiñamos idade para competir (ri).

Evolucionou moito o universo das traiñeiras, sexa categoría masculina ou feminina?

Tanto nunha como noutra categoría avanzouse moito. E nestes anos hai que dicir que as traiñeiras galegas están a facer moi bo traballo. A temporada pasada Tirán e este Cabo. E iso xera afección. Ti vas agora por Cabo de Cruz e ves as bandeiras vermellas (cor da traiñeira de Cabo) nos balcóns, a xente reúnese para recibirche cando volves á vila despois de competir nunha regata...

Comentarios