A galega Susana Rodríguez opta a unha praza no Consello de Deportistas do Comité Paralímpico Internacional

As eleccións terán lugar durante os vindeiros Xogos Olímpicos.
Susana Rodrígez (Foto: RFEA).
photo_camera A deportista Susana Rodríguez (Foto: RFEA).

A deportista galega Susana Rodríguez acaba de ser designada polo Comité Executivo do Comité Paralímpico Español como candidata ás eleccións do Consello de Deportistas do Comité Paralímpico Internacional, que se desenvolverán durante os Xogos de Tóquio do vindeiro verán para renovar o órgano que exerce como enlace entre as atletas e as responsábeis mundiais da toma de decisións no ámbito do deporte de persoas con diversidade funcional.

Susana Rodríguez, de 33 anos, foi seis veces campioa do mundo de tríatlon e conta no seu palmarés con numerosas medallas nas principais competicións nacionais e internacionais.

En Tóquio disputará os seus segundos Xogos, tras finalizar quinta na cita de Río 2016, ano en que o tríatlon fixo o seu debut no programa paralímpico. Ademais, está a buscar a clasificación en atletismo para a cita xaponesa, onde agarda correr os 1.500 metros da categoría  T-11.

A viguesa, que ten unha discapacidade visual grave, compaxina a súa dilatada traxectoria deportiva co seu traballo como médica no Hospital de Santiago de Compostela, no que está a realizar un importante e comprometido labor desde o inicio da pandemia da Covid-19.

Á hora de tomar esta decisión, o Comité Executivo valorou cuestións como a súa formación complementaria e o seu dominio do inglés, requisito imprescindíbel para optar ao cargo.

Ademais, tivo en conta a recomendación do Consello de Deportistas, que tamén acordou apoiar nesta iniciativa a unha Susana Rodríguez que conta co positivo precedente da aragonesa Teresa Perales, pois a súa candidatura foi a máis votada nas eleccións do ano 2012.

Comentarios