A galega Raquel Carrera entra na WNBA co mellor posto dunha española na historia do draft

A xogadora de baloncesto, no cadro do Valencia, foi escollida polo equipo Atlanta Dream. A deportista orixinaria de Ourense aínda ten 19 anos polo que ten un gran potencial para seguir a avanzar na súa carreira profesional.
A xogadora durante un partido da liga. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera A xogadora durante un partido da liga. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Galiza xa pode presumir de ter unha representante de recoñecida valía na liga de baloncesto americana, NBA, na súa vertente feminina. A ourensana Raquel Carreira foi elixida na sesión do draft, decorrida nas últimas horas, pola equipa Atlanta Dream.

A deportista, que ten 19 anos e agora mesmo milita no Valencia Basket podería ter o seu futuro máis próximo nos Estados Unidos, se finalmente marcha para seguir sumando vitorias e traxectoria na WNBA.

Da súa selección non destaca só ese feito de ser escollida entre centos de xogadoras profesionais de baloncesto, senón que Carrera fixo historia ao ser a profesional do Estado español que obtivo unha mellor posición no draft, concretamente quedou no número 15.

Que un equipo decidira apostar en Carreira pode ter relación coa súa destacada participación na última Eurocopa, que deu a coñecer máis a súa figura e o seu perfil como deportista.

No entanto, a fichaxe para marchar a EUA non é tan inmediata, pois os resultados do draft non sempre se corresponden co decorrer futuro dos acordos. Pero xa é importante que fora seleccionada na primeira ronda e no posto 15.

Malia que agora está en Valencia, a ourensana deuse a coñecer no Ourense e no Celta de baloncesto feminino.

De cara a este ano, agárdase que o talento que vén demostrando desde hai anos a coloque na selección que irá aos Xogos Olímpicos de Tokio.

Comentarios