O futuro do atletismo do país reúnese en Estonia

Campionatos de Europa Sub-20 e Sub-23.
Antía Chamosa é unha das favoritas nos 20 quilómetros marcha. (Foto: RFEA).
photo_camera Antía Chamosa é unha das favoritas nos 20 quilómetros marcha. (Foto: RFEA).

Catro das atletas galegas máis talentosas e prometedoras serán da partida nos vindeiros Campionatos de Europa Sub-20 e Sub-23 de Atletismo, que se desenvolverán desde o día de mañá e até o vindeiro 11 de xullo.

Tallín, a capital estonia, será a sede de ambas as probas, sendo a que conta con máis presenza galega o Europeo Sub-23, con tres, unha delegación da que estará á fronte Antía Chamosa, que é das máximas favoritas ao triunfo final na proba dos 20 quilómetros marcha.

A pesar da súa xuventude, Chamosa conta xa cun currículo moi destacado, no que salientan varios títulos estatais e a súa xa máis que asidúa presenza nas convocatorias para participar en probas internacionais.

Pola súa banda, a modalidade dos 800 metros lisos segue a dar excelentes especialistas, como é o caso do herculino Elian Numa López. O atleta do Coruña Comarca conta cunha importante proxección, como acredita o seu subcampionato Estatal Sub-20 no ano 2018. Desde entón conta as súas participacións no Campionato de España por medallas, o que orixinou o seu debut internacional no Europeo  Sub-20 do ano 2019.

Finalmente, Jacobo Soler representa unha das grandes e fantásticas sorpresas da tempada. Incorporado activamente ao atletismo hai apenas dous anos -da man do Atletismo Rías Baixas-, a súa irrupción nos 400 metros foi espectacular, pasando este ano de acreditar 50.52 ata os 47.41 segundos de 2021. Con este rexistro lograba nada menos que o subcampionato de España Sub-23 , así como unha máis que merecida inclusión no equipo de relevo 4×400 para este campionato continental.

Irene Gómez, raíña dos lanzamentos

Sen abandonar os Campionatos europeos, nin tampouco a mesma cidade báltica de Tallín, outra das citas atléticas máis importantes do ano será a que reúna ás mellores atletas Sub-20 do continente.

Nesta cita, a afección galega terá a oportunidade de seguir no sector dos lanzamentos as evolucións de Irene Gómez Costas, que aspira a dar a sorpresa na modalidade de martelo, na que parte cunha Mellor Marca Persoal de 60,17 metros -que a sitúan no posto 18 do ránking europeo- na que será o seu terceiro reto internacional despois da Copa Ibérica Go Fit e do Festival Olímpico da Xuventude.

Comentarios