domingo 16.02.2020

As futbolistas estoupan ante o atraso na sinatura do convenio e pode haber folga

O 18 de novembro de 2019 foi un día de celebración para o fútbol feminino no Estado español, pois após anos de loita, e logo dunha folga indefinida que parou por completo a Liga, os sindicatos chegaban a un acordo coa patronal para asinar o primeiro convenio colectivo na historia do deporte. Mais após case tres meses a sinatura cotinúa adiada indefinidamente e as xogadoras non saben "que está pasando". 

Ainhoa Tirapu, gardamallas do Athletic de Bilbao, reclamou a "inmediata" sinatura do convenio colectivo. (Foto: AFE)
Ainhoa Tirapu, gardamallas do Athletic de Bilbao, reclamou a "inmediata" sinatura do convenio colectivo. (Foto: AFE)

O ultimatum tivo lugar o pasado día 5, cuarta feira: "Se ao longo da xornada de mañá, 6 de febreiro, non hai unha resposta satisfactoria, levaranse a cabo medidas consensuadas polas futbolistas e o sindicato AFE en prol dos dereitos do colectivo".

O sector estoupaba ante o adiamento continuo por parte da patronal da sinatura do primeiro convenio colectivo na historia do fútbol feminino, e pasada a data límite estabelecida foron transcorrendo as horas sen que ningunha das partes implicadas movese peza no taboleiro das negociacións, incluída a propia AFE, que en declaracións exclusivas a Nós Diario recoñece non saber "que está pasando". 

"O único seguro é que xa se está falando coas xogadoras, así que esta vindeira semana elas decidirán que medidas adoptan. Mobilizacións? Algo farán, non sabemos que, pero algunha medida tomarán", revelan.

Máis dun ano de "duras negociacións"

O 18 de novembro de 2019 foi un día de celebración para o fútbol feminino no Estado español, pois após anos de loita, e logo dunha folga indefinida que parou por completo a Liga, os sindicatos chegaban a un acordo coa patronal para asinar o primeiro convenio colectivo na historia do deporte.

Nun primeiro momento falouse do 20 de decembro como data para rubricar ese acordo coa sinatura das distintas partes interesadas, mais a data foi dilatándose sucesivamente até que o 14 de xaneiro a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) acepta a proposta da Asociación de Clubs de Fútbol Feminino (ACFF) para garantir a firma do acordo coa Asociación de Futbolistas Españois (AFE), o sindicato maioritario entre as xogadoras.  

A postura federativa permitía aos clubes integrarse no Programa Elite, o que suporía que pasasen a recibir 500.000 euros ao ano, no caso dos da Primeira, e 100.000 euros anuais no caso dos de Segunda División. A anhelada sinatura parecía cuestión de horas, e chegou a programarse para o día seguinte, pero foi atrasada até o 20 de xaneiro... e tampouco, o que provocou que máis de 20 xogadoras expresasen publicamente a súa "decepción" e "fondo malestar".

O presidente da AFE, David Aganzo, apuntou contrariado naquel momento que agardaba que ese fose "un día histórico pola firma dun convenio colectivo, paso fundamental para acadar a igualdade e polo que se negociou desde o 8 de novembro de 2018 até o 20 de decembro de 2019, mais non puido ser".

Volve a sombra da folga ao fútbol feminino

A porteira internacional do Athletic de Bilbao, Ainhoa Tirapu, afondaba no apuntado por David Aganzo, indicando que se sentían "ninguneadas". "Non sabemos o que acontece, esa é a realidade. Pasa o tempo e pérdense dereitos laborais, algo que non nos podemos permitir. Non queremos chegar a ese punto, pero isto non se pode alongar máis, así que pode haber folga", afirmou.

Era a primeira vez desde o acordo de novembro en que a folga volvía ser unha posibilidade real, opción que, logo das declaracións do sindicato AFE a Nós Diario e o duro comunicado publicado na súa web, parece máis real que nunca. 

comentarios