A futbolista galega Paula Dapena recibe ameazas por non gardar o minuto de silencio por Maradona

A deportista recoñeceu nalgunhas entrevistas que tanto ela como outras compañeiras de equipo foron acosadas desta forma a través das redes sociais. Ao mesmo tempo, a acción de Dapena foi un dos actos con máis repercusión nas redes sociais durante a xornada de hoxe.

Algúns fanáticos do arxentino están a acosar á futbolista. (Foto: Europa Press)
photo_camera Algúns fanáticos do arxentino están a acosar á futbolista. (Foto: Alessandro Garofalo/LaPresse via / DPA)

A futbolista galega Paula Dapena, que a estas horas é coñecida no mundo enteiro por negarse a gardar o minuto de silencio polo falecemento de Diego Armando Maradona, denunciou hoxe que está a ser vítima de ameazas pola súa acción.

A xogadora de 24 anos do Viaxes InterRías FF de Pontevedra fixo este domingo un xesto de protesta e denuncia contra as mostras de homenaxe ao arxentino.

Dapena explicou ao longo desta segunda feira os seus motivos: aliás de falar de algunhas das leas nas que estivo vinculado o xogador, incidiu en que “polas mulleres vítimas da violencia de xénero non se gardou un minuto”.

“Os meus ideais feministas non me permitían homenaxealo”, recalcou recordando que o deportista foi un “abusador”.

Os seus argumentos e a súa actuación tiveron moi boa acollida entre moitas persoas, facendo que a xogadora mesmo se convertera nun dos principais trending topic durante horas na rede social Twitter.

No entanto, tamén está a traerlle problemas. Outra xente aproveitou para atacala. Así, a galega denunciaba en varios medios que estaba sendo vítima de “ameazas de morte” por parte de fanáticas e fanáticos de Maradona. Estas mesmo chegaron ás súas compañeiras de equipo.

Tras estas declaracións aumentou o apoio en redes aludindo á necesidade de deixar o patriarcado. Nalgúns grupos este ataque a Dapena foi interpretado como un síntoma máis dunha sociedade patriarcal, como se podía ler en diversos chíos.

Comentarios