A futbolista galega Paula Dapena, que a estas horas é coñecida no mundo enteiro por negarse a gardar o minuto de silencio polo falecemento de Diego Armando Maradona, denunciou hoxe que está a ser vítima de ameazas pola súa acción.
A xogadora de 24 anos do Viaxes InterRías FF de Pontevedra fixo este domingo un xesto de protesta e denuncia contra as mostras de homenaxe ao arxentino.
Dapena explicou ao longo desta segunda feira os seus motivos: aliás de falar de algunhas das leas nas que estivo vinculado o xogador, incidiu en que “polas mulleres vítimas da violencia de xénero non se gardou un minuto”.
“Os meus ideais feministas non me permitían homenaxealo”, recalcou recordando que o deportista foi un “abusador”.
Os seus argumentos e a súa actuación tiveron moi boa acollida entre moitas persoas, facendo que a xogadora mesmo se convertera nun dos principais trending topic durante horas na rede social Twitter.
No entanto, tamén está a traerlle problemas. Outra xente aproveitou para atacala. Así, a galega denunciaba en varios medios que estaba sendo vítima de “ameazas de morte” por parte de fanáticas e fanáticos de Maradona. Estas mesmo chegaron ás súas compañeiras de equipo.
Tras estas declaracións aumentou o apoio en redes aludindo á necesidade de deixar o patriarcado. Nalgúns grupos este ataque a Dapena foi interpretado como un síntoma máis dunha sociedade patriarcal, como se podía ler en diversos chíos.