Para o fútbol

As xogadoras da Liga de fútbol van á folga de maneira indefinida

Máis de 200 futbolistas pertencentes aos 16 clubs que integran a Primeira División, incluída a totalidade do cadro do único equipo galego, o Deportivo Abanca, acordaron con 93% de votos parar a competición ante a falta de flexibilidade negociadora da patronal para aceptar unhas condicións “mínimas” no primeiro convenio da historia do fútbol feminino.

Folga Fútbol Feminino
photo_camera [Imaxe: AFE] Foto de familia logo da convocatoria de folga no fútbol feminino

A Liga de fútbol feminino queda paralizada indefinidamente. A falta de acordo na derradeira reunión entre patronal e sindicatos para asinar o primeiro convenio colectivo da historia do deporte, logo de máis dun ano de negociacións, foi a gota que rebordou o vaso da paciencia das xogadoras, que nunha reunión celebrada en Madrid decidiron ir á folga.

Con 218 votos a favor e tan só 16 en contra, as profesionais da pelota -pertencentes aos 16 clubs de Primeira División, incluída a totalidade do cadro do único equipo galego, o Deportivo Abanca- deixaron clara a súa fartura coa situación actual.

Tanto AFE -o sindicato maioritario-, como UGT e Futbolistas ON explicaron que agora “abrirase o mecanismo legal da convocatoria e anunciarase a data do inicio da folga”, co que o máis probábel é que nesta xornada, na que o Dépor recibe o Club Deportivo Tacón o domingo ás 12 en Abegondo, a competición se desenvolva con normalidade.

“Agora toca loitar polos nosos dereitos”

A principal “liña vermella”, como recoñece Ainhoa Tirapu, gardamallas do Athletic de Bilbao e voceira das xogadoras, é o tema da parcialidade dos contratos: “Somos futbolistas todo o día, a todas horas, non só a media xornada, así que agora toca loitar polos nosos dereitos”.

Pola súa banda, Silvia Mérida, defensa central do Deportivo Abanca, apunta que a folga “é un recurso para ter un futuro”, e engade que ela non se considera futbolista “só nas horas de adestramento”.

O presidente de AFE, David Aganzo, maniféstase na mesma liña, explicando que as xogadoras “o son as 24 horas do día”, para apostilar logo que a realidade é “que se necesita un convenio digno para que se lles recoñezan os seus dereitos laborais”.

A patronal sostén que profesionalizar as xogadoras pon en risco a “viabilidade” da Liga

O problema de fondo tras a folga é que o torrente económico que flúe de xeito cada vez máis abundante polo fútbol feminino non chega aos petos das xogadoras, pois non existe un convenio colectivo que considere horas máximas de traballo, salarios mínimos ou situacións en casos de embarazo e maternidade.

As xogadoras piden unhas condicións que están máis de dez veces por debaixo do mínimo legal estabelecido para os seus compañeiros da Liga masculina, como un salario base de 16.000 euros, unha parcialidade máxima do 75%, dereito a vacacións retribuídas e paro ou non poder ser despedidas en caso de lesión ou embarazo.

Esas condicións parécenlles insostíbeis á Asociación de Clubs de Fútbol Feminino (ACFF), a patronal da competición, que asegura que “pon en grave risco a capacidade de xeración de ingresos por parte dos equipos” e, incluso “a viabilidade da Liga”.

A vindeira reunión entre as partes, prevista para dentro de dúas semanas, queda agora no aire, pese a que, segundo o presidente de AFE, os sindicatos “están abertos a todos os encontros posíbeis para asinar o convenio”.

Comentarios