Fútbol virtual, paixón albivermella real

O arxentino Gonzalo Bobadilla, fan do Lugo grazas ao 'PC Fútbol', soña con viaxar ao Anxo Carro para ver un partido do Club Deportivo Lugo.
Gonzalo Bobadilla desexa celebrar un gol do Club Deportivo Lugo co resto da bancada.
photo_camera Gonzalo Bobadilla desexa celebrar un gol do Club Deportivo Lugo co resto da bancada.

Ei, vostede. Si, si, vostede. Onde estaba tal día como hoxe en 1998? Se xa daquela era unha persoa fanática do deporte e na actualidade ten entre 30 e 40 anos, hai bastantes posibilidades de que estivese sentada diante da computadora xogando ao PC Fútbol 6.0. 

Devoradora de horas, destrutora de vocacións e provocadora de ataques de ira cando a infausta mensaxe Análisis en proceso se cronificaba na pantalla logo das sesións máis maratonianas, a saga de videoxogos de xestión deportiva de Dinamic Multimedia tocaba teito coa súa sexta entrega.

Mais dirixir os destinos do Barcelona de Figo e Rivaldo ou do Madrid de Raúl, Roberto Carlos e compañía, non supoñía ningún reto para as usuarias máis avezadas. Para elas estaba feito o modo Promanager, no que a xogadora recibía ofertas de diferentes clubes da Segunda División B co obxectivo de levalos ao máis alto do mundo do fútbol.

Así, quen subscribe estas liñas, colleulle un cariño entrañable ao humilde Plasencia estremeño, nun caso similar ao de Gonzalo Bobadilla co Club Deportivo Lugo. A diferenza é que a paixón de Gonzalo polo equipo galego non só traspasou as fronteiras do mundo virtual, trasladándose á vida real, senón tamén as políticas, xa que Gonzalo é un cidadán arxentino residente en Bos Aires sen ningunha vinculación persoal ou familiar con Galiza. 

Foto Lugo"Case sempre escollía diferentes equipos -recoñece o seareiro- pero houbo algo que me pegou dentro cando escollín o Lugo. A partir dese momento comecei a seguilos, e xa de forma máis asidua desde a fichaxe dos arxentinos Melli Belfortti e Claudio Monti. Xa en 2013 abrín unha conta de Twitter (@cdlugoargen) desde a que sigo minuto a minuto o que pasa en Lugo. Incluso teño a camiseta", comenta con orgullo.

Aos seus 33 anos, este afeccionado dos albivermellos cre que chegou o momento de facer realidade o seu soño de vivir a experiencia dun encontro ao vivo no Estadio Anxo Carro, pero a situación económica na Arxentina supón un obstáculo dificilmente superable: "O Goberno fixo efectivo un imposto que grava 30% extra as viaxes ao exterior e os pagos con tarxetas fora do país, así que é moi complicado", recoñece.

Porén, facendo gala da dicotomía que as caracteriza, capaces ao mesmo tempo das aldraxes máis execrábeis e dos xestos máis nobres, as redes sociais estanse a mobilizar para que Gonzalo poida conseguilo, e varios afeccionados xa lle ofreceron a súa axuda, asesorándoo ou incluso comprometéndose a trasladalo a Lugo de balde desde o aeroporto de Madrid o día que chegue. 

"Recibín unhas mensaxes que me poñen moi feliz, teño moito que agradecer, especialmente á xente de Lugoslavia (@LGV11010), que sempre se interesan por min. Sería o máximo estar alí con todos. Xa prometín levar alfajores e dulce de leche", engade entre risos.

É consciente de que "será difícil", mais non renuncia a facer realidade ese soño logo de tantos anos seguindo o equipo galego. Mais, que pasaría se o Lugo baixase a Segunda B? "O amor sería aínda máis grande, sen dúbida".

Comentarios