venres 24/09/21

O fútbol únese en Cambados para contribuír á causa de Merchi Álvarez

Precisa recadar fondos para poder tratar a súa doenza.
Presentación do partido en cambados (Foto: RFGF).
Presentación do partido en cambados (Foto: RFGF).

O Concello de Cambados vestiu as súas mellores galas para albergar un acto moi especial, a presentación dun partido solidario que terá lugar este domingo a partir das 20 horas e que enfrontará o Club Xuventud Cambados e o Villalonga FC. O protagonista será o balón, sen dúbida, aínda que os goles serán o de menos, pois o prioritario é axudar a Merchi Álvarez a superar a enfermidade que padece.

A meta é que a campaña 'Obxectivo Corea' chegue aos 80.000 euros. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola propia Merchi para recadar fondos que lle permitan financiar o tratamento para a atrofia muscular espinal (AME) que padece, e que só atopou no outro lado do mundo, pois o único hospital que lle ofreceu un raio de esperanza está en Seúl, capital de Corea.

O 13 de setembro, a pouco máis de dúas semanas, ten que estar alí, pero para iso é imprescindíbel que antes recade a cifra de 80.000 euros, unha cantidade que está cada vez máis preto, pois a día de hoxe xa leva reunidos algo máis de 70.000.

Así, e para facer este último esforzo e acadar a liña de meta, o mundo do fútbol deu un paso adiante, realzando o carácter solidario do deporte rei.

Deste modo, o Club Xuventud Cambados organizou para este domingo un partido de fútbol cos seus veciños do Villalonga no campo de Burgáns, cos boletos a un prezo de cinco euros e co aliciente para as persoas espectadoras de participar no sorteo de dous balóns regulamentarios e dúas camisolas da selección galega achegadas pola Federación Galega de Fútbol (FGF).

A maiores, o club Innae ofrecerá durante o descanso unha exhibición de taekwondo, en sinal de homenaxe e respecto por parte do deporte que practicaba Merchi ante de padecer a atrofia muscular espinal.

comentarios