Opio ou revolución? Cinco historias de resistencia política a través do fútbol

O documental francés 'Os rebeldes do futbol' narra cinco historias reais de resistencia política neste deporte a través doutros tantos xogadores de fútbol. Do brasileiro Sócrates e o seu desafío á ditadura até a estrela da selección francesa que se sumou á loita de Alxeria pola independencia ou a figura do fútbol chileno que se negou a dar a man a Pinochet

'Les rebelles du foot' (Os rebeldes do fútbol) é un documental francés de 92 minutos de duración. Dirixido por Gilles Perez e Gilles Rof e conducido polo grande Eric Cantona, posíbelmente o francés máis amado pola clase operaria inglesa. Moito máis que Proudhon, desde logo.

O documental, que aos poucos e non sen dificultades vai proxectándose en diferentes festivais do mundo, parte de contar cinco historias de resistencia política a través deste deporte. E faino a través das historias doutros tantos xogadores. Algúns deles coñecidos, outros non tanto.

Nesta hora e media pasan pola pantalla Sócrates (Brasil), Carlos Caszely (Chile), Didier Drogba (Costa de Marfil), Predrag Pasic (Bosnia), Rachid Mekloufi (Alxeria) 

“Eu neguei a man a Pinochet”

Carlos Caszely era toda unha figura do fútbol chileno nos 70. A década na que Pinochet gobernaba Chile a sangue e lume, con milleiros de asasinados e toruturados, e milleiros de desaparecidos. O terror e o medio dominaban todos os estratos da sociedade chilena, tamén o deporte. Mais Caszely estaba inmunizado. No golpe de estado a súa nai fora detida e salvaxemente torturada durante días polos militares. “Fixéronme cousas tan terríbeis que non vou contar por respecto aos meus fillos” dixera, anos despois, esta muller.

Caszely era toda unha estrela no fútbol chileno. A súa nai foi detida e torturada salvaxemente. Nin perdoou nin esqueceu

Co gallo da marcha da selección chilena a Alemania, para tomar parte no mundial, Pinochet quixo despedir persoalmente á escuadra . Foi dando a man xogador a xogador até que chegou cabo Caszely. Alí o ditador quedou coa man extendida sen que ninguén lla estreitase. O futbolista, coas mans ás costas, negouse. Mantívolle a mirada. Pinochet seguiu o camiño sen decir ren.

Brasil: Ipanema? Si; Futebol?Si, Mais tamén democracia para o povo

Falar de Sócrates é falar de fútbol con maiúsculas. Capitán e unha das estrelas daquela selección brasileira que engaiolaba nos setenta e oitenta ao mundo cun xogo preciso e efectivo. E tamén o rostro da coñecida como 'democracia corinthiana' en referencia ao clube Corinthians. Nun país asoballado polo autoritarismo, os xogadores defendían a democracia, mesmo con lemas nas camisolas. E Sócrates (en sinal de respeto e admiración, nas bancadas chamábanlle Doutor Sócrates)

Brasil estaba sob unha ditadura. Mais un club de fútbol, o Corinthians, facía apoloxía da democracia e enaltecemento da liberdade

Aliás, determinadas decisións no clube decidíanse após un debate entre todos, nunha especie de autoxestión futbolística. Sócrates nunca ocultou as súas afinidades coa esquerda.

Os 11 da independencia: unha selección pola liberación nacional

O alxerani Mekhloufi  foi nos 50 e 60 un xogador recoñecido no fútbol francés, onde militou en diferentes equipos, mais principalmente no AS Saint-Etienne, onde a Panteira Verde era o estratega e o goleador. Mesmo en catro ocasións vestiu a camiseta da selección de Francia, pos Alxeria era unha colonia gala.

Mais en 1958 cambiou. Abandonou Francia e retornou ao seu país, en plena guerra de liberación nacional contra a metrópole. Mekholoufi sumouse o FLN (Fronte de Liberación Nacional) e consciente de que a súa fama no mundo do deporte podía ser proveitosa para a causa alxerina, mergullouse na fundación do equipo de fútbol do FLN.

Mekhloufi, que xogara coa selección francesa, fixo do futbol un campo de batalla máis contra o colonialismo e pola liberdade de Alxeria

Francia manobrou ante a FIFA para que o equipo non fose recoñecido. Mais 'Os 11 da independencia', como foron coñecidos, realizaron varias xiras por diferentes países de Europa, África ou Asia, xogando contra diversos equipos e facendo proselitismo a favor da loita de Alxeria.

Predrag Pasic: Xogar o futbol con crianzas nun Saraxevo masacrado

No documental tamén hai historias de xogadores europeos,como a de Pasic. Durante os días máis cruentos do sitio a Saraxevo (1992-1996), masacrado polos bombardeos e ataques serbios, Pasic, lonxe de fuxir para xogar comodamente en calquera club europeo desexoso de fichalo, ficou na súa cidade.

Os bombardeos serbios non o renderon nen o encricaron: baixo as bombas, Pasic mantivo unha escola de fútbol con 600 nen@s

Alí creou unha escola de fútbol na que tomaban parte máis de 600 nen@s e que xogaban,día a día, desafiando a guerra.

Droghba: Educación e sanidade no soño dunha África unida

A quinta historia de 'Os rebeldes do fútbol' é a de Droghba, marfileño comprometido co seu país e co ideal dunha África unida. Estrela en equipos europeos,Droghba inviste millón e millóns de euros en proxectos de sanidade e educación en África.

Aliás, sempre mantivo unha actitude moi activa no seu país pola paz e contra as reiteradas guerras civís

E para outra ocasión...

Para outra ocasión quedará falar do escocés Celtic e as súas estreitas relacións sentimentais/ideolóxicas co nacionalismo irlandés máis militante, do italiano Livorno (fundado por estibadores comunistas) e o sentir esquerdista a flor de pel, do ST Pauli e o antifascismo militante en Alemania, do Barça.Athletic e Erreala e o sentir nacional dos seus países. Ou do Osasuna e como no seu nacemento tomaron parte anarquistas de Iruña (Osasuna é Saúde -o saúdo libertario por excelencia- en euskera.

Ou do Celta, e de como o feito de que a súa vestimenta fose coas cores da bandeira de Galiza non foi, para nada, casual. Igual que a elección do nome.

Comentarios