O fútbol modesto languidece e dá a tempada por perdida

A parálise é case total no fútbol de base na Galiza. Os problemas económicos a consecuencia desa inactividade e da incerteza sobre a evolución da situación sanitaria ameazan con levar á desaparición moitas institucións con décadas de historia ás súas costas e que exercen un gran labor social con nenas, nenos e adolescentes.
Panorámica dunha sesión preparatoria do Unión Campestre, onde se pode apreciar a separación entre as xogadoras (Foto: U.C. Montrove).
photo_camera Panorámica dunha sesión preparatoria do Unión Campestre, onde se pode apreciar a separación entre as xogadoras (Foto: U.C. Montrove).

Hai apenas un ano o presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF), Rafael Louzán, quen fora un dos homes con máis poder dentro do PPdeG e máximo responsábel da Deputación de Pontevedra durante case tres lustros, sacaba peito e afirmaba que Galiza era "líder en España" en canto a licenzas por habitante, alcanzando un número "próximo aos 100.000". 

Na actualidade a situación é diametralmente oposta, e a parálise do fútbol do país é practicamente total, coa única salvedade da Primeira e da Segunda División (Celta e Lugo), a Segunda B (Deportivo, Rácing de Ferrol, Compostela, Pontevedra, Celta B, Coruxo), a Terceira galega e a División de honra xuvenil, que comezou a pasada fin de semana. O resto das competicións nin se están a disputar, nin nada fai prever que vaian comezar, quizais coa excepción da Preferente.

Os clubes modestos están desesperados logo destes oito meses de pandemia. A falta dun calendario oficial para o reanudamento das competicións, o cambiante da situación sanitaria, a "falta de comunicación" dos poderes públicos e as complicacións que lles supón aplicar os distintos protocolos que van xurdindo, en ocasións contraditorios entre si, levou a que moitos optasen por nin sequera retomar os adestramentos, para prexuízo de miles de nenos, nenas e adolescentes.

As fichas federativas, un problema engadido

Unha das entidades que si optaron por retomar os adestramentos, e tamén un dos poucos conxuntos da zona que tramitou -e pagou- as fichas para as distintas categorías que conforman o clube foi o Unión Campestre de Montrove (Oleiros).

Isto ten máis relevancia da que poida parecer, pois é un trámite moi custoso pero imprescindíbel para optar á subvención que concede a Federación Galega de Fútbol, e que para moitos equipos "pode chegar a supor a diferenza entre a supervivencia e a desaparición", como sinala Marcos Cruz, secretario do Relámpago de Elviña, entidade coruñesa con máis de 75 anos de historia ás súas costas que, ao contrario que o veciño Unión Campestre, optou por non tramitar ningunha ficha.

"Todas as categorías inferiores están subvencionadas ao 100%, e a de Modestos até 29 anos -explica-, pero nós estimamos que como a súa concesión está supeditada á propia competición, e non ten pinta de que se vaia xogar, mellor agardar. E iso que nós nos consideramos uns privilexiados, porque temos a sorte de non pagar renta, hai outros clubes que están moi, moi mal".

Tanto, que un dirixente dun dos conxuntos modesto máis importante da contorna de Coruña, e que pediu permanecer no anonimato "por non asustar as rapazas e as familias" recoñece que a desaparición de todas as súas formas de ingresos pode levar á extinción da entidade en cuestión de meses. E eles, ao contrario do que fixo a Federación Galega de Fútbol nada máis estoupar a pandemia -e a pesar de manexar un orzamento superior aos cinco millóns de euros-, non poden acollerse a un ERTE.

Preocupación polo uso da máscara e temor a perder o traballo por un contaxio no fútbol

As reunións virtuais entre a Federación Galega e entidades como a Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) coas representantes dos distintos clubes sucédense, e entre os temas que causan maior preocupación son o uso obrigatorio da máscara, o prezo dos tests ou o medo das futbolistas a perder o emprego en caso de contaxiarse durante un partido ou adestramento.

"Porque, tal e como está a cousa, como explicas na empresa que estarás dúas semanas sen traballar porque te contaxiaches durante unha actividade non esencial?", reflexiona o secretario do Relámpago de Elviña. De feito, enquisas internas desenvolvidas polos propios equipos entre o seu cadro de xogadores en idade adulta revelan que entre 70 e 80% dos mesmos está en contra de retomar a actividade.

Comentarios