O fútbol galego e portugués terá de novo unha Copa Gallaecia

Volta no centenario da Associação de Futebol de Braga.
Volta no centenario da Associação de Futebol de Braga (Nós Diario)
photo_camera Volta no centenario da Associação de Futebol de Braga (Nós Diario)

A Copa Gallaecia está de volta. A competición, ligada inicialmente á promoción do deporte do Eixo Atlántico, retomarase este mesmo ano coincidindo co centenario da Associação de Futebol de Braga, formando parte do programa de eventos previstos para os próximos meses de setembro-outubro.

Nesta nova edición da Copa Gallaecia competirán, alén dos representantes galegos -aínda por definir-, as seleccións Sub-14 femininas de Braga, Bragança, Porto, Vila Real e Viana do Castelo. Con todo, a intención é que nas próximas edicións tamén participen as seleccións masculinas. 

A proposta partiu de Manuel Machado, presidente da Associação de Futebol de Braga, "un dos que máis empeño puxo para que se poida celebrar de novo esta Copa Gallaecia", recoñeceu o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. 

A Copa Gallaecia tivo até o de agora tres edicións que se realizaron en Compostela (2006), Braga (2007) e no Porto (2012).

Nesa primeira edición na Galiza tamén tiveron lugar outras actividades relacionadas con este deporte, como o I Congreso Internacional Gallaecia-Fútbol Base. 

Torneo e convivencia

A Copa Gallaecia pretende ser algo máis que un torneo de fútbol. O obxectivo é converter este torneo nun programa de intercambio e boas prácticas entre os seis colectivos que organizan este evento e unhas xornadas de convivencia entre deportistas, persoal adestrador e da arbitraxe, "fomentando así o desenvolvemento da modalidade e transformando esta proba nun evento cultural, social e deportivo", segundo explican desde a Federación Galega.

O próximo 25 de febreiro terá lugar a segunda xuntanza de traballo para concretar máis detalles desta competición.

Comentarios