O fútbol galego faise 'pet friendly'

Concienciación e negocio van da man no último nicho de mercado a explotar polo márketing futbolístico: os animais de compañía. 
 
Blanca é unha cadeliña que defende as cores branquiazuis. (Foto: Nacho Pena).
photo_camera Blanca é unha cadeliña que defende as cores branquiazuis. (Foto: Nacho Pena).

A liga de fútbol de Romanía, coñecida na Galiza por acoller varios xogadores e técnicos do país como Juan Carlos Real ou Rubén de la Barrera, acaparou o pasado mes de setembro atención mediática internacional logo de que os xogadores dos dous clubs máis populares do país, o Steaua e o Dinamo de Bucarest, saltasen ao terreo de xogo sostendo un canciño para fomentar a acollida responsábel de animais abandonados. Todos levaban no pescozo un pano co seu nome para facilitar a súa identificación, no marco dunha campaña en cooperación cunha protectora da capital.

Libera, a asociación animalista, pediu aos equipos "máis mediáticos da Galiza", Celta, Deportivo e Lugo, que seguisen o modelo romanés para "concienciar de que moitos animais seguen vivindo en canceiras e refuxios á espera dunha familia responsábel ao mesmo tempo que se beneficiarían dunha publicidade gratuíta cun elevado retorno, como demostrou o caso de Romanía".

A día de hoxe, ningún club -nin da Galiza nin do conxunto do Estado español- adoptou esa iniciativa, pero si que están a desenvolver outras medidas que mesturan a solidariedade co negocio, sendo o último equipo en subirse ao carro o Real Club Celta de Vigo.

O conxunto celeste vén de lanzar unha colección de roupa para cans que, facendo referencia ao nome da mascota do equipo, leva o nome de 'Celestiños'. Co centrocampista Fran Beltrán e o seu pequeno chihuahua Cuco como imaxe, ofrece ás afeccionadas e afeccionados a posibilidade de adquirir desde camisetas a chuvasqueiros estampados co escudo e as cores do Celta. 

Ademais, tamén son frecuentes as doazóns e as campañas de recollidas de alimentos e cartos para financiar produtos veterinarios nos diferentes estadios nos días de partido, tanto na Galiza como no estranxeiro, sendo algúns dos xestos máis aplaudidos o xa tradicional 'Desfile de Cans Abandonados' de Valencia, Levante e Vilarreal ou a entrega por parte da AS Roma de varias toneladas de comida en plena cúspide da pandemia da Covid-19.

O fenómeno dos carnés de socio

Pasaron case dez anos desde que en 2012, sen sabelo, o modesto San Roque de Lepe se convertese en pioneiro dunha medida que co paso do tempo sería imitada por outros clubs de moita maior dimensión: a dos carnés de socios para animais e mascotas.

Recreativo de Huelva, decano do fútbol a nivel Estatal, e Unionistas seguiron os seus pasos, sendo este último quen lle conferiu un carácter solidario, pois de cada abono, que ten un prezo de 10 euros, doan 20% á Asociación Peludosos, protectora radicada en Salamanca. "Non importa que teñas un gato, un loro, un can ou un hámster, todos eles poden ser socios", destacan desde Unionistas, 

Tamén o Real Club Deportivo da Coruña acepta animais como socios é, como no caso da escuadra charra, os seus carnés tamén teñen carácter solidario. Apadan, Gatocan e SOS Pelines, entidades locais dedicadas ao coidado e rescate de cans e gatos, reciben 15% dos 25 euros de cada abono, nunha acción que tivo unha acollida moi positiva entre a parroquia deportivista.

Comentarios