mércores 19/05/21

O fútbol gaélico volve un ano despois

Disque "nunca choveu que non escampara", mais o dioivo parecía estenderse moito máis no fútbol gaélico que en calquera outra disciplina, pois meses despois de que o atletismo, o tenis, o hóckey ou o baloncesto retomaran a súa actividade, a única modalidade deportiva na que Galiza conta cunha selección nacional recoñecida internacionalmente continuaba parada... até agora. 
A principal diferenza entre os partidos precovid-19 e os actuais radica en que agora os e as xogadoras levarán máscara. (Foto: AGFG).
A principal diferenza entre os partidos precovid-19 e os actuais radica en que agora os e as xogadoras levarán máscara. (Foto: AGFG).

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) vén de informar do inminente regreso da competición oficial, tanto na súa modalidade masculina -no día de mañá- como na feminina, unha volta que vai ser "nun formato un pouquiño diferente", segundo explican a Nós Diario desde organismo regulador deste deporte. 

O maior cambio con respecto a anos anteriores será o uso obrigatorio da máscara. "Estamos adestrando con ela, e imos usala tamén para xogar porque non temos outra opción, pois os nosos clubs non contan cos fondos necesarios para facer os tests que se realizan no fútbol e non podemos agardar máis para volver xogar", sinala Miguel Otero, presidente do Keltoi de Vigo, quen engade que "non organizar unha competición este ano podería ser a nosa tumba".

O Keltoi será, precisamente, un dos seis equipos que conforman o novo formato de competición masculina de fútbol gaélico que se estreará no día de mañá e que estará integrada, ademais, por un filial da propia escuadra viguesa -Keltoi Estibadores-, polos coruñeses Fillos de Breogán,  Auriense de Ourense, Cambados e Estrela Vermelha de Compostela. Estes conxuntos estarán estruturados en dous grupos de tres equipos cada un, que se enfrontarán nunha fase inicial que dará paso a unhas semifinais previas á gran final.

"Todo coa idea de que a competición non se prolongue demasiado no tempo e evitar así que esta quede sen acabar, como sucedeu o ano pasado, no caso de que nos vexamos inmersos noutra serie de fechamentos a causa dun novo pico de contaxios", apuntan desde unha Asociación Galega de Fútbol Gaélico que, con todo, se mostra optimista ante o futuro desde deporte na Galiza, "pois a pesar de toda esta situación estamos a notar que a xente mostra interese e que se anima a probar e coñecer o fútbol gaélico".

O feminino, en formato triangular: as mulleres volven unha semana máis tarde

O regreso da competición oficial feminina non será tan inminente como a masculina, mais o domingo, 14 de marzo, as mulleres de Auriense e Estrela disputarán un amigábel que supón o primeiro paso para unha volta que terá lugar unha semana máis tarde, o 20 de marzo.

María Victoria Benavides Rodríguez, secretaria da Asociación Galega de Fútbol Gaélico,  indica que as mulleres "tivemos máis problemas para retomar a actividade que os homes, pois somos menos practicantes", razón pola que se decidiron a desenvolver "un sistema completamente novo para evitar que algún dos equipos non contase con suficientes xogadoras no medio da competición".

Xa que logo, nesta primeira fase do seu regreso terá lugar un triangular entre tres conxuntos, "un formado por xogadoras de Vigo e Gondomar, outro de Ourense e Lalín e o último da Coruña e Compostela". 

comentarios