Kaixo: "O fútbol gaélico supón un refuxio a nivel mental fóra da endogamia da música"

A lóxica dita que unha entrevista con Kaixo (Vigo, 1989) debería ir na sección de cultura, e non na de deportes, mais este artista multidisciplinar -músico, promotor, pai do New Punk, con máis de 10.000 seguidores en Instagram (@Kaixosamo)-, desde hai uns meses desenvolve unha nova faceta, a de xogador de gaélico.

Foto Promo 5 Kaixo por @miguelglxz 2019
photo_camera Fóra do campo, Kaixo está inmerso no proxecto 'Youcanthide'. (Foto:@miguelglxz)

—Compatibilízase ben a práctica dun deporte tan esixente fisicamente como o gaélico cunha carreira no mundo da música?

Pódese facer, sempre. Se o facía Bob Marley, que pasaba todo o día fumando porros e o primeiro que facía era baixar a correr todas as mañás, e logo xogar ao fútbol, pois nós temos que ter tamén esa capacidade (ri). Para min o gaélico é como un proceso de depuración mental de todo o que ten que ver coa sociedade, cos problemas que xera ter unha mente como a miña, que emocionalmente vai a mil por hora. Todo me afecta bastante, é esta historia que temos ás veces os artistas de querer facer xustiza e non poder conseguilo nunca, unha frustración que eu canalizo a través do deporte, e realmente axuda a quitar un pouco de enriba todo iso, deixas de pensar todo o rato no mesmo, de estar dentro dese bucle no que vivimos os artistas pola nosa desesperanza persoal, pola nosa intención de estar sempre creando cousas e querendo facer música, de avanzar no noso ámbito cultural. O deporte faiche facer, como se adoita dicir, borrón y cuenta nueva, ou canto menos estas durante unhas horas nunha contorna distinta, con xente que non é da música, falando e pensando en deporte.

—Disque o da música, como o do xornalismo, é un mundo fondamente endogámico.

Si, endogamia é a palabra. Tamén veño de saír da endogamia do rap, pois hai nada montei Youcanthide cos Kings of the Beach, e vimos de lanzar o noso primeiro single hai só tres semanas. Foi un cambio interesante para min tamén, moi positivo a nivel mental.  

—Por que practicar gaélico e non calquera outro deporte?

O fútbol gaélico é especial, moi interesante, penso que representa unha chamada de atención ao propio deporte. A min, por exemplo, encántame o fútbol e o baloncesto, aos que xoguei moitos anos, pero non me apetecía volver practicar nin un nin o outro. É que nin velos. Estou moi decepcionado co que se tornaron, en especial o fútbol, que hoxe é un negocio desmedido no que as afeccións dan completamente igual, está vendido ao capital, trafícase cos xogadores, faltan a emoción e a emotividade, mesmo nos propios futbolistas. Eu xa non vexo xogadores do tipo de Mostovoi, alguén que vén de Rusia e é capaz de namorarse dunha afección e dunha cidade, de loitar por tratar de gañar un título cun equipo menor. E son do Celta, pero o mesmo aplico a xente como Djalminha. Como se adoita dicir, odio eterno ao fútbol moderno. O gaélico supón un refuxio de todo isto, como deporte amateur que é.

—O sábado remata a campaña do Keltoi cun encontro no campo da Bouza, na Illa de Arousa, contra o Dorna. Como cualificaría esta primeira tempada coa escuadra viguesa?

É a derradeira xornada do campionato, pero despois tamén está a Copa Galega, ou o Torneo Reconquista, que se fai o 18 de abril en Vigo. Vai ser toda unha festa, na que participarán un equipo irlandés masculino e outro feminino, e tamén un da Bretaña. Ese tipo de iniciativas son as que nos moven, o feito de que estean rapazas e rapaces xuntos, vivindo unha rivalidade, mais tamén un ambiente de convivencia que fai que este deporte teña interese, que mola. Para min, esta foi unha tempada sobresaliente, moi positiva por todo isto. O gaélico axúdache moito a tantas cousas... como por exemplo a perder peso, eu persoalmente perdín moitos quilos. Por suposto que hai cousas que se poden cambiar e mellorar, pero hai que ter en conta tamén que este deporte ten menos de dez anos na Galiza.

—Engadindo esta nova faceta de deportista á súa traxectoria, na que xa exerce como letrista, compositor, produtor, DJ, promotor de concertos, director artístico... Como lle dan as horas a Kaixo para facer todo isto? 

Eu sempre fun un rapaz moi axitado, non son capaz de estar parado, e todo o que teña que ver con sumar, para min sempre é positivo. É dicir, por poñer un exemplo, Youcanthide para min é un proxecto moi motivador, porque me permitiu entrar de cheo no mundo do rock e do post punk, nos que hai moito tempo que quería meterme. Ser Kaixo, facer de min mesmo, xa é, en certo modo, unha reivindicación cultural a nivel nacional, síntome que levo esa lousa enriba, esa responsabilidade. Xa que logo, facer de min mesmo como artista, representar Galiza alá por onde vou, é un pracer, e o deporte tamén forma parte desa esfera, é un todo compatíbel, porque o deporte está nas inquedanzas artísticas e culturais dunha persoa. Contribúe a ter a mente activa, e iso favorece o pensamento crítico, tanto no deporte como na propia cultura. 

—Cando se introduce Kaixo no fútbol gaélico?

Eu levo xogando desde novembro, pero xa seguía o deporte. É pouco tempo o que levo no Keltoi, xa que por causas vitais e da música estiven vivindo en Madrid, nunha contorna na que facer deporte era complicado. Antes vivín en Porto, onde estudei comunicación e cine, e foi naquel entón, no último ano, cando fun probar o gaélico ao Keltoi por vez primeira, porque vira en internet como funcionaba, e encantárame.

—Que foi o que lle atraeu do fútbol gaélico?

A dinámica da propia liga, a equidade entre equipos masculinos e femininos, o respecto pola tradición, a irmandade entre países e cidades... en canto fun probar, sentín todo iso. Cando xogas gaélico, todo é bo rollo. Por non falar dos terceiros tempos, nos que quedamos para botar unhas cervexas. 

Comentarios