Galego que xoga no histórico Cookstown Fr. Rock's.

Roberto Vázquez: "O fútbol gaélico en Irlanda do Norte significa politicamente"

O fútbol gaélico é un deporte que cada vez conta con máis afección na Galiza, pero que en países como Irlanda vai moito máis aló, enraizándose no corazón da propia sociedade. Diso pode dar fe Roberto Vázquez Fernández, un galego que chegou á pequena localidade de Cookstown (Irlanda do Norte) a traballar como veterinario e que se integrou no equipo local, descubrindo que, a pesar da cercanía cultural, as distancias entre o que acontece aquí e alá poden chegar a ser siderais.  
Roberto Vázuqez fútbol gaélico
photo_camera Roberto, ante a atenta mirada dun compañeiro, loita con dous rivais.

Como foi pasar do Fusquenlhas de Pontedeume ao Cookstown Fr. Rock's de Irlanda do Norte?

Eu xa xogaba ao fútbol gaélico no Fusquenlhas, en Pontedeume, aínda que empecei a practicar o deporte no Cascarilla. Pero en novembro vin aquí a Irlanda do Norte a traballar de veterinario e decidinme a probar sorte na equipa local, que é nunha pequena vila no condado de Tyrone. E, a pesar de que ao principio alucinaron un pouco cando cheguei a adestrar, porque pensaban que ía confundido co fútbol normal (ri), como experiencia foi xenial, polo feito de estar no Cookstawn Fr. Rock's coñecente pola rúa, porque hai unha comunidade moi chula creada arredor do fútbol gaélico. Existe unha gran diferenza sobre o que representa o deporte aquí e alá na Galiza.

Pero tamén hai diferenza entre a Irlanda do Norte e do sur, pois aquí no Norte, onde a sociedade é 50% protestante e 50% católica, practicar gaélico é un acto de significación política, pois defínete como irlandés. Aquí por levar unha camiseta de fútbol gaélico a xente xa sabe de que pau vas, por dicilo dalgún modo. Aínda se nota o conflito, o que pasou aquí, está palpábel. Nótase nos barrios: nun viven case todos os católicos, e hai murais contra os traficantes, por exemplo. Noutro, o protestante, eu hai pouco, o 12 de xullo, alucinei, porque vin colgadas dos balcóns bandeiras da UVF, que era un grupo paramilitar británico. Certo é que non hai moita tensión, pero si dúas sociedades ben diferenciadas, a pesar de que no meu traballo, por exemplo, hai xente católica ou protestante, ou no meu caso persoal teño amigos dos dous bandos.

Alí o deporte non está profesionalizado, pero si podería dicirse que está "semi-profesionalizado" con respecto ao que acontece na Galiza, non?

Eu estou nun equipo que é moi bo, aínda que si é certo que baixou varias categorías, até o equivalente a Terceira, pero que chegou a ser campión e que este ano recuperou un dos mellores xogadores do condado de todos os tempos. As diferenzas con Galiza si son brutais: hai unha preparación física tremenda, e sempre somos moitísimos xogadores adestrando, tantos que nos dividimos en dous equipos, os titulares e os suplentes, e imos alternando os partidos que xogamos.

Eu, loxicamente, estou no equipo dos reservas e xogo pouco, porque hai moita competencia polo posto, pero competencia ben entendida, porque hai xente que leva adestrando toda a vida e non vou eu a pasarlles por diante. Aínda así, nos reservas hai un auténtico nivelón, con xente que podería perfectamente ser titular. O maior problema esta tempada foi o coronavirus, pois xusto antes do confinamento estábamos para empezar a competir, cun partido xusto na semana seguinte, así que o que fixemos é saír a correr, porque aquí se podía, e practicar outras clases de deportes individuais. De feito, dúas veces á semana tiñamos adestramentos por videoconferencia, sobre todo de abdominais, que aquí lle dan unha importancia moi grande e que realmente se nota no xogo. 

Cales son as principais diferencias no xogo entre o que acontece na Liga Gallaecia con respecto á Gaelic Athletic Association? 

Eu sempre xoguei de defensa na Liga Gallaecia, pero aquí estanme poñendo de dianteiro. A verdade, non sei por que. Quizais porque aquí deféndese distinto, máis duro. Na Galiza deféndese en zona, e aquí marcan ao home, pasa un pouco como no fútbol. Mesmo cando estás de dianteiro mándante ser a sombra dun tipo. O xogo basicamente son 15 tíos correndo detrás un dos outros. Claro, para facer iso tes que ter absolutamente todo o equipo nunha boa forma física, senón é imposíbel. Tamén se busca moitísimo o punto, cando en Galiza búscase sempre o gol.

Comentarios