Fútbol gaélico: Galiza e Irlanda bateranse en outubro ao pé da Ría de Arousa

O 4 de outubro O Grove acollerá o partido oficial entre a selección galega e a irlandesa. Haberá competición masculina e feminina. 

Futbol Gaélico

O vindeiro 4 de outubro a selección galega de fútbol gaélico enfrontarase a Irlanda, o país onde naceu este deporte e onde é toda unha institución. Será no Grove, a vila onde xoga o Mecos, un dos clubes fundadores da Asociación Galega de Fútbol Gaélico. Após dous anos consecutivos de se bater con Breizh (Bretaña, en 2012 e 2013), a selección galega vai competir co país creador deste deporte. No equipo irlandés van militar para ese partido xogadores que van representar 10 condados de 3 das catro provincias nas que se divide a illa.

Xogadores como Paul Donnelly (condado de Kilkenny), Ja O'Loughlin (Galway), Ronan O' Sullivan (Cork) ou Tommy O Reilly ''captain" ( Meath ) xa confirmaron a súa presencia. Tamén a selección feminina galega xogará contra a Irlandesa. Por parte da equipa feminina están xa confirmadas xogadoras como Aoife Herbert (Kildare ), Aimee O Neill ( Kildare) ou  Linda Kavanagh ( Wicklow ).

Cinco equipos galegos no Europeo

Mais antes dese importante encontro, o fútbol gaélico galego ten unha cita de interese. Vai ser o 13 de setembro en Madrid, onde vai decorrer o torneo europeo coa presenza de 5 equipos do noso país: Pontevedra, Mecos (O Grove), Irmandinhos (A Estrada), Fillos de Breogan (A Coruña) e Estrela Vermelha (Compostela) . Aliás, varias varias xogadoras galegas estarán na selección europea feminina o vindeiro 27 de setembro en Irlanda.

Comentarios