domingo 09/05/21

Fútbol gaélico: Fillos de Breogán conquista a súa primeira liga

Ao se impor aos Keltoi de Vigo.

Fillos de Breogán futbol gaélico
(Foto: Asociación Galega Fútbol Gaélico)

Fillos de Breogán conquista a súa primeira liga masculina no fútbol gaélico, un título que xa posuía en categoría feminina. Os coruñeses logran así engadir ao seu ‘palmarés’ un título que, curiosamente, lles faltaba a quen foron pioneiros na introdución do fútbol gaélico na Galiza, un deporte que nesta década logrou estenderse por todo o país.

Fillos ergue a Liga após derrotar este domingo os vigueses de Keltoi, 16-27, nun encontró que dominaron desde o inicio. Un título conquistado, ademáis, nunha tempada marcada polas restricións e impacto da pandemia.

Poucos deportes tiveron unha progresión tan grande, en tan pouco tempo como o fútbol gaélico na Galiza. Precisamente Fillos e Fillas de Breogán, o equipo da Coruña que introduciu a súa práctica, fixo en 2020 dez anos.

Un título conquistado, ademáis, nunha tempada marcada polas restricións e impacto da pandemia

"A ocorrencia foi cen por cen de Wenceslao García", explicaba o ano pasado a Nós Diario Martín Fernández, voceiro do equipo coruñés e membro fundador. Relataba como a través de carteis en determinadas tabernas da cidade nas que había afección pola "música celta" e co complemento das redes sociais xurdiu a convocatoria para crear un club de fútbol gaélico.

 "Fomos a cegas aquel día e na reunión Wenceslao expuxo o proxecto, xa tiña as cores e o deseño do escudo que votara a xente nas redes sociais", relata Fernández. En outubro dese mesmo ano comezaron a adestrar coa presenza de tres irlandeses (Peter, Declan e Gerry) para darlle forma ao proxecto e o primeiro partido foi en 2011. 

Malia que o nome oficial para os efectos de rexistro na Asociación Atlética Gaélica (GAA) é A Coruña Gaelic Athletic Association ou A Coruña GAA abreviado, tal e como figura nas camisolas, o nome empregado sempre foi Fillas de Breogán.

comentarios