O fútbol gaélico adestra para evitar a desaparición

Adestramentos nocturnos, sen vestiarios, con trabas institucionais para conseguir campos... Por se non fose abondo cos propios problemas xerados pola pandemia do coronavirus, o fútbol gaélico estase a ver obrigado a realizar un esforzo moito maior que o doutros deportes para retomar a actividade.
Os adestramentos con máscara forman parte da cotiandade no fútbol gaélico. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os adestramentos con máscara forman parte da cotiandade no fútbol gaélico. (Foto: Nós Diario).

O deporte federado na Galiza foi recuperando, progresivamente e na medida das posibilidades a causa dunha situación sanitaria cambiante, a normalidade desde o pasado verán. Non obstante, e como resulta evidente, non é o mesmo xogar ao tenis ou practicar o lanzamento de xavelina que un deporte de contacto como o balonmán, o rugby ou, noutra escala, o fútbol gaélico, que está a pasar por unha situación "moi complexa", tal e como explica para Nós Diario  a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, o organismo regulador oficial deste deporte na Galiza.

"A pesar de que cada un ten unha situación diferente, os equipos están padecendo moitas dificultades para retomar os adestramentos", sinalan, situación que confirma Miguel Otero, presidente do club Keltoi de Vigo, que apunta ao "complicado" das circunstancias.

"Nós retomamos os adestramentos en setembro, e durante bastante tempo fomos o único club da Liga Galega de Fútbol Gaélico que estivo en marcha, porque por aquel entón todo estaba no aire para moitos equipos, que tiñan bastantes problemas a causa da Covid-19. Uns tiñan contaxios entre as súas filas, outros afrontaban complicacións para usar os campos, porque os concellos eran reacios a cedelos... e iso acabou por provocar que moita da xente que xogaba gaélico marchase a practicar deportes individuais", di Miguel Otero.

A volta aos adestramentos no Keltoi foi, como no caso do fútbol modesto, sen contacto físico, a pesar de todas as limitacións que iso implica no gaélico, até que a Xunta autorizou o contacto se todas as persoas levan posta a máscara. "No caso dos equipos de fútbol seguen sendo reticentes ao seu uso, pero nós decidimos facelo porque, se non, podería supor a morte do noso club, da Liga e mesmo da selección galega, que é a única oficial", lembra o presidente do Keltoi de Vigo. 

Ese uso da máscara durante a práctica deportiva preocupaba, mais "a xente xa se acostumou". "De feito, agora que o que se pode practicar son só deportes federados, atletas que non o estaban e agora non poden facer nada queren participar na nosa disciplina", resalta un Otero para o que "existen máis posibilidades de contaxio xuntándonos entre amigas que xogando gaélico".

Polo de agora, a única perspectiva da que dispoñen para facer balance son os adestramentos, que xa retomaron cinco conxuntos, seis moi proximamente, o que supón "un paso de xigante" para a Asociación Galega de Fútbol Gaélico. "Temos que volver, porque de non facelo será a morte dos clubs, da Liga, da selección... morrerá todo o que construímos", lamentan.

Mais para conseguilo terán que superar distintos atrancos, como a ausencia de autorización para xogar partidos, o que imposibilita o regreso da competición, a desaparición do "terceiro tempo" ou a prohibición do uso dos vestiarios, que obriga as xogadoras e xogadores a cambiarse na rúa, prezos que están dispostos a pagar para evitar que "este, que é un proxecto de país, desapareza". 

Comentarios