O fútbol feminino volve dar un paso adiante e xa é "profesional"

Goberno, Federación e Liga ratifican o acordo.
O Dépor é o único representante galego na máxima categoría do fútbol feminino estatal (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O Dépor é o único representante galego na máxima categoría do fútbol feminino estatal (Foto: RC Deportivo).

A Comisión Directiva do Consello Superior de Deportes (CSD) aprobou no día de hoxe a profesionalización do fútbol feminino, un día que "pasará á historia" por facilitar un "avance sen precedentes no deporte feminino" e que abre "un camiño que levará a profesionalizar doutras disciplinas", segundo indicou o presidente do devandito CSD, José Manuel Franco.

"Esta data pasará á historia como o día en que se produciu un avance sen precedentes no deporte feminino e na igualdade entre homes e mulleres, pois tamén no deporte aínda son vítimas dunha preocupante desigualdade", engadiu.

Deste modo, e a partir da vindeira tempada 2021/22, a máxima categoría do fútbol feminino estatal -denominada oficialmente por razóns comerciais como Liga Iberdrola- pasará a ser profesional, un cambio para o que é necesario o desenvolvemento duns estatutos que regulen o seu funcionamento.

"A partir de aí levarase a cabo todo: haberá un presidente ou presidenta, que terá que liderar un camiño que terá obstáculos e no que será necesario buscar consensos entre todas as partes implicadas",  apostilou o presidente do CSD.

Esas "partes implicadas" ás que fixo referencia José Manuel Franco son os equipos que conforman a competición, representados pola Asociación de Clubs de Fútbol Feminino (ACFF); a Liga de Fútbol Profesional (LFP); e a Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

Non obstante, Franco marcou territorio e recoñeceu que, se ben a RFEF "terá un papel fundamental".

Esta será o órgano que preside "quen leve as rendas" do procedemento para tratar de evitar "desigualdades".

Comentarios