O fútbol feminino galego xa ten o seu álbum de cromos

O Centro Ágora da Coruña acolleu o acto de presentación.
Capa do álbum de cromos das xogadoras -e colexiadas- galegas. (Foto:Nós Diario).
photo_camera Capa do álbum de cromos das xogadoras -e colexiadas- galegas. (Foto:Nós Diario).

O Centro Ágora da Coruña acolleu na noite desta terza feira a presentación do primeiro álbum de cromos do fútbol feminino galego, unha iniciativa desenvolvida polo dixital Quepasanacosta, a empresa especializada Sportcrom e a xornalista Rocío Candal coa intención de "afianzar, máis que impulsar, a revolución do fútbol feminino a nivel mundial desde a nosa esquina do occidente europeo", tal e como sinalou Ubaldo Cerqueiro, director do diario costeiro.

Un centenar de persoas, nomeadamente moitas das protagonistas, achegáronse para ver nacer este singular proxecto que converte en estrelas 600 xogadoras de 26 equipos do fútbol galego, desde o Deportivo Abanca da Segunda División até os distintos conxuntos que militan na Primeira Nacional ou a Primeira Galega, sen esquecer as colexiadas do país nas diferentes categorías do fútbol.

Tamén teñen o seu espazo as mulleres da Liga Iberdrola -a elite a nivel estatal- ou das mellores competicións de ámbito internacional, caso da compostelá Vero Boquete, que actualmente defende as cores do AC Milán italiano e que ocupa a capa do ao álbum de cromos.

Durante a gala tamén se realizou unha viaxe temporal pola historia do fútbol feminino coruñés, focalizada nas experiencias vividas no Club Karbo e no Club Sal Lence, dous dos pioneiros na materia que ademais foron referentes a nivel estatal nos anos 80 e 90. 

Mesa redonda e actuación

Rocío Candal moderou unha mesa redonda que contou con Lis Franco, a xornalista e histórica xogadora do Karbo; a concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez; a deputada de Igualdade e Normalización da Deputación da Coruña, María Muíño; e o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra Gorka Gómez, quen explicaron por que apoiaron "desde o comezo" o proxecto coa adquisición de packs de álbum e cromos para repartir entre as novas xeracións de cada territorio.

A continuación tivo lugar unha actuación da humorista de Corcubión Marta Doviro, que serviu como antesala dunha segunda mesa redonda máis enfocada no fútbol actual e na que as protagonistas foron Iria Santos, xogadora do Victoria; e Beatriz Cuesta Arribas, árbitro da Liga Iberdrola.

Lamentabelmente, non puido estar a capitá do Dépor Abanca, Alba Merino, confinada pola Covid-19.

Comentarios