O fútbol fala no idioma das Letras Galegas

Manuel María, Antón Villar Ponte, Castelao, Carlos Casares ou Antón Losada Diéguez teñen en común non só ter sido recoñecidos pola Academia Galega no Día das Letras Galegas, senón tamén unha relación directa ou indirecta co deporte rei que pon en valor a, en non poucas ocasións, infravalorada achega do fútbol á cultura.
En 2017 naceu un club, a Escola de Fútbol Feminino Rosalía, que leva o nome da primeira homenaxeada no Día das Letras. (Foto: EFF Rosalía).
photo_camera En 2017 naceu un club, a Escola de Fútbol Feminino Rosalía, que leva o nome da primeira homenaxeada no Día das Letras. (Foto: EFF Rosalía).

Contrariamente ao que se estila, ou máis ben se estilou durante o terzo final do século XX, o fútbol entendido como "opio do pobo", un concepto embebido de elitismo popularizado por unha intelectualidade que consideraba o deporte da pelota xa non como un entretemento vacuo, senón como un obstáculo que afastaba as masas da elevación colectiva, e mesmo da revolución, nos últimos anos vense reivindicando a súa relevancia cultural entre numerosos círculos dos que non foi allea a elite intelectual galega.

Ese é o postulado que centra o número especial que a revista O Dez, a única publicación periódica sobre fútbol integramente en galego, lanza co gallo do inminente Día das Letras Galegas 2021 e que será presentado o 13 de maio, ás 19.30 horas na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, situada no número 16 da coruñesa rúa Olmos. 

Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Xosé Filgueira Valverde, Ánxel Fole, Carlos Casares, Manuel María, Luís Pimentel ou Daniel Castelao son só algúns dos nomes que agora protagonizan a devandita panorámica futboleira, sendo unha das historias máis destacadas e a que ten como núcleo o modesto Eiriña Club de Fútbol de Pontevedra.

Presidido por Antón Losada Diéguez, homenaxeado co Días das Letras Galegas en 1985, o conxunto da cidade do Lérez adquiriu certa relevancia na década dos anos 20 e 30 do século pasado, cando o profesionalismo aínda estaba comezando a súa implantación, tornando no equipo favorito dun Castelao que inmortalizou coas súas caricaturas varios dos xogadores pontevedreses, como Aris, Pacheco, Guevara, Telesforo ou o vigués Fariña, quen, curiosamente, tornaría nun dos primeiros xogadores profesionais da Galiza, cobrando 500 pesetas polos seus servizos.

Outro futbolista que chegou ao máis alto foi o extremo esquerda Antonio Villar Chao, fillo de Antón Villar Ponte, recoñecido pola Academia Galega en 1977.  Falecido prematuramente en marzo de 1936, pouco antes do estoupido da guerra civil española, vía os futbolistas como "uns profesionais que hoxe están ao servizo dun e mañá doutro -se este lles paga máis-, e que sofren, polo xeral, hipertrofia dos músculos á custa da atrofia do cerebro".

A pesar de que o seu desexo era que o seu fillo Antonio estudase unha carreira, este, como tantos fillos de rojos durante a posguerra, tivo que deixar os estudos e pórse a traballar para saír adiante, sendo no seu caso no mundo do fútbol, debutando con 18 anos no Deportivo da Coruña, club no que xogou durante máis de 10 anos na Primeira e na Segunda División, ademais de no Málaga e na Liga Mexicana.

Precisamente sobre o Deportivo escribiu un amante do fútbol no sentido máis tradicional e romántico da palabra como foi Manuel María, Día das Letras Galegas en 2016, quen sempre reivindicou a súa pertenza ao fútbol "de Zarra e Acuña" en contraposición ao espectáculo de equipos "compostos por xogadores mercenarios".

Comentarios