O fútbol esfórzase por cambiar de faciana

A nova liga feminina profesional será a principal novidade na 2021/22.
O outro gran cambio será a eliminación da normativa do valor duplo dos goles fóra da casa nas eliminatorias copeiras. (Foto: EP).
photo_camera O outro gran cambio será a eliminación da normativa do valor duplo dos goles fóra da casa nas eliminatorias copeiras. (Foto: EP).

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) vén de aprobar nunha Comisión Delegada con moitas novidades as normas que regularán todas as competicións que se disputarán ao seu abeiro.

O cambio máis importante está no eido do fútbol feminino, pois a partir da vindeira tempada 2021/22 a Primeira División -Liga Iberdrola- terá a consideración de competición profesional, polo que o ente federativo tivo que realizar unha serie de adaptacións, comezando pola aplicación dun salario mínimo para todas as xogadoras maiores de 23 anos e seguindo coa obrigatoriedade do uso de céspede natural nos campos da máxima categoría.

Ademais, a nova norma esixe que os partidos se disputen en recintos cunha capacidade mínima de 4.000 espectadores, o que impediría que o recentemente descendido Deportivo Abanca puidese xogar no seu fogar de Abegondo de ter logrado a salvación, pois alí só poden congregarse até 1.000 persoas.

Outra das mudanzas máis relevantes é a aplicación da recomendación do Comité de Competicións de Clubs da UEFA para a eliminación da norma que outorgaba un valor duplo aos goles anotados en campo contrario durante as eliminatorias. Deste modo, con efecto inmediato as copas do Rei e da Raíña pasarán a disputarse baixo este novo marco, que se traducirá en máis prórrogas e lanzamentos desde o punto de penalti.

No aspecto competitivo, a Federación certifica o "regreso á normalidade" das competicións non profesionais, que volven estruturarse en grupos e din adeus á complexa organización en subgrupos característica da última campaña, dando orixe tanto á nova Primeira RFEF -onde militarán Deportivo, Rácing, Celta B- como á Segunda RFEF -Arenteiro, Arousa, Bergantiños, Compostela, Coruxo e Pontevedra- e á Terceira RFEF.

Finalmente, desde o organismo presidido por Luis Rubiales concluíron apuntando que o sorteo dos calendarios e a publicación dos mesmos terá lugar logo de que finalice o 16 de xullo o período obrigatorio de inscrición de equipos participantes, e agardan que o balón bote a rodar -"dependendo da categoría"- entre finais de agosto e principios do mes de setembro. 

Ros e Mayoral reforzan o Lugo

O Club Deportivo Lugo continúa reforzándose coa vista posta en salvar a categoría sen pasar os agónicos apuros das últimas dúas tempadas. Por iso, desde a dirección deportiva albivermella están protagonizando unha actividade máis intensa do que é habitual neste estadio tan inicial do mercado de fichaxes, e vén de comunicar dúas novas incorporacións, que se unen ás renovacións de Roberto Canella, Xavi Torres, Carlos Pita, Fernando Seoane e o artífice da salvación, o técnico vigués Rubén Albés.

A primeira foi a do extremo David Mayoral, que chega á cidade das Murallas en calidade de cedido procedente do Cádiz. Aos seus 24 anos, acumula experiencia en equipos como Valladolid, UCAM Murcia, Alcorcón e o FC Hermannstadt rumano, e a pesar de que non destaca pola súa capacidade anotadora, si que conta cunha gran mobilidade e dinamismo.

A outra fichaxe foi a do polivalente Juan Antonio Ros, futbolista que se desenvolve principalmente no medio do campo e que xa coincidira con Albés no filial do Celta.

Comentarios