O fútbol da 2ª RFEF volve esta fin de semana

Os seis equipos galegos estarán no Grupo 1. Serán Pontevedra CF, SD Compostela, Arousa SC, CD Arenteiro, Bergantiños FC e Coruxo FC.
Adestramento do Coruxo FC da pasada fin de semana (Coruxo FC).
photo_camera Adestramento do Coruxo FC da pasada fin de semana (Foto: Coruxo FC).

Esta fin de semana comezará oficialmente a 2ª RFEF (Real Federación Española de Fútbol), unha categoría na que o fútbol galego contará esta tempada con seis representantes: Pontevedra CF, SD Compostela, Arousa SC, CD Arenteiro, Bergantiños FC e Coruxo FC. Os seis estarán encadrados no Grupo 1 e xa contan as horas para o seu debut.

O inicio será de vértigo posto que na primeira xornada terán lugar dous derbis. O primeiro en vestirse de curto será o Bergantiños FC. Xogará o sábado 4 de setembro a partir das 18 horas en Asturies, no Nuevo Ganzábal para medirse á UP Langreo. Será a estrea do conxunto de Carballo na categoría tras o seu ascenso a pasada campaña. O partido será retransmitido en directo  a través da plataforma de deportes por streaming Footters.

A festa continuará dúas horas máis tarde en Vilagarcía, no estadio da Lomba, e cun derbi entre o Arousa SC e o CD Arenteiro, os outros dous equipos galegos que rubricaron o salto de categoría o curso pasado. O partido será retransmitido en directo por TVG.

O resto da xornada para os equipos galegos quedará para o domingo. O Coruxo FC de Gonzalo Fernández estrearase lonxe do seu estadio do Vao, na Nueva Balastera para enfrontarse ao CD Palencia Cristo Atlético. O choque disputarase o domingo 5 de setembro a partir das 12 horas e tamén poderá seguirse a través de Footters.

O ramo para esta primeira xornada de 2ª levaranos até a capital do Lérez. O Municipal de Pasarón albergará outro derbi, o envite agardado entre o Pontevedra CF e a SD Compostela a partir das 18 horas e coas cámaras da TVG retransmitindo en directo. 

A Liga Nacional Xuvenil xa ten calendario

O Departamento de Competición da Real Federación Galega de Fútbol vén de publicar na súa páxina web o calendario de competición da Liga Nacional Xuvenil para a tempada 2021/2022. Serán 18 os equipos que competirán esta campaña no grupo galego.

A liga ten previsto comezar o 19 de setembro e rematará o 29 de maio de 2022, con 2 ascensos a División de Honra e 2 descensos á Liga Galega. Esta competición desenvolverase nunha liga a disputar nun total de 34 xornadas a dobre volta e nun único grupo.

Comentarios