mércores 20/01/21

Fútbol de ataque contra a exclusión social

Na Liga Social de Fútbol Sala da Coruña compiten en "igualdade de condicións" usuarias de diversas asociacións  que traballan con persoas migrantes, con diversidade funcional, afectadas por adiccións con "persoas sen problemáticas" co obxectivo de "xerar relacións menos segregadoras, ampliando deste modo o campo relacional dunhas xentes que non terían oportunidade de crealas sen ela".

Instantánea previa a un partido da competición no Pavillón de Labañou, na Coruña (Foto: Padre Rubinos)
Instantánea previa a un partido da competición no Pavillón de Labañou, na Coruña (Foto: Padre Rubinos)

Vitor Borba é un neno brasileiro nado na favela de Recife, tan pobre, tan pobre, que aos 11 anos xa perdera todos os dentes a causa da desnutrición. Fillo dun xardineiro municipal falecido cando Vitor tiña só 17 anos, durante a súa adolescencia tivo que traballar vendendo lambetadas, recollendo ferralla ou adestrando galos de pelexa.

A única luz na súa deprimente cotiandade era a das horas que investía practicando un deporte que acabaría por converterse na vía de escape daquela vida, o fútbol, no que é máis coñecido como Rivaldo, o mellor xogador do planeta en 1999 e campión do mundo de seleccións nacionais en 2002.

A pesar dos millóns de dólares que inundaron as súas contas bancarias desde que en 1996 fichara polo Deportivo, cos que se puido pagar unha dentadura de postal, o diñeiro non foi quen de borrar todos os signos do pasado de exclusión e precariedade padecido por Rivaldo, e as súas pernas tortas -que evocan a outro xenio maltratado polas rúas, Garrincha-  son un recordatorio perenne desa pobreza vivida polo astro brasileiro.

O fútbol como instrumento de "normalización"

Mais o fútbol como vehículo de mobilidade social vai moito mais alá de historias como a de Rivaldo, case tópicas por repetidas, do crack saído das favelas. 

Lonxe do oropel do deporte profesional, onde se fraguan as historias que fan a vida, o balompé é empregado xa non para ascender, senón para loitar en prol da inclusión, contribuíndo á "desguetificación" e á "normalización" das máis excluídas pola sociedade.

Con ese obxectivo naceu en 2014 a Liga Social de Fútbol Sala da Coruña, un proxecto desenvolvido pola Institución Benéfico Social Padre Rubinos e no que colaboran outras organizacións non gobernamentais que traballan con persoas migrantes, con diversidade funcional, afectadas por adiccións ou con trastornos mentais, así como empresas privadas e institucións públicas como o Concello da Coruña e o Real Club Deportivo.

Na competición. como sinala para Nós Diario o seu responsábel, Álex Riera, compiten "en igualdade de condicións" equipos conformados por usuarios dos servizos desas asociacións con "persoas sen problemáticas", todo para "xerar relacións menos segregadoras, ampliando deste modo o campo relacional dunhas xentes que non terían oportunidade de crealas sen ela".

 "Os beneficios para as persoas que participan son tremendos -engade Riera-, pois co fútbol, que para nós é un vehículo, non un fin, traballamos eidos como a colaboración, o sentimento de grupo, o respecto polos horarios ou a creación de rutinas e hábitos saudábeis, que logo poden exportar a outros aspectos da vida, como os laborais".

  A edición de 2020 de Liga Social xa está en marcha, e prolongarase até finais do vindeiro mes de xuño, coa esperanza de seguir "estimulando o traballo en rede entre persoas e entidades participantes e, con iso, avanzar até o obxectivo último, que é lograr a integración e a inclusión social das e dos participantes", conclúe Álex Riera.

Unha actividade aberta á participación da cidadanía

Desde a Institución Benéfico Social Padre Rubinos, entidade organizadora da actividade, destacan o "recoñecemento a nivel popular que comeza a ter a Liga Social" logo das súas seis primeiras edicións, e lembran que está "aberta á cidadanía", poñendo como exemplo a incorporación neste 2020 dun equipo conformado por traballadores dunha empresa de informática.

comentarios