O fútbol anímase a aprender o galego

Non son poucas as seareiras galegas que miran con envexa o firme compromiso do Fútbol Club Barcelona coa lingua propia de Catalunya. Na Galiza a situación é ben distinta, e os principais equipos están lonxe de alcanzar ese nivel de implicación nas tarefas da dinamización lingüística. Por iso, os recentes xestos individuais de profesionais do fútbol de fóra do país que se lanzan a escribir e falar en galego resultan tan relevantes. 

Esther Sullastres, futbolista catalá do Dépor, protagonizou recentemente unha extensa entrevista de radio integramente en galego. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Esther Sullastres, futbolista catalá do Dépor, protagonizou recentemente unha extensa entrevista de radio integramente en galego. (Foto: RC Deportivo).

Hai pouco máis dunha semana o Celta oficializaba que Óscar e Roger García Junyent deixaban de estar á fronte do primeiro equipo celeste cun chío en castelán. Polo contrario, esta parella de irmáns nacidos en Catalunya, e sen máis relación coa Galiza que o ano que levaban en Vigo adestrando, escollían o galego para despedirse da que fora a súa afección: "O final desexado era outro, mais non puido ser. De Vigo ímonos cunha experiencia única. Queremos dar as grazas á afección do Celta polo trato que recibimos en todo momento".

O dos García Junyent non é un caso excepcional, pois o francotunecino Mehdi Nafti, actualmente un dos adestradores máis de moda no mundo do fútbol, tamén escollía o galego para saudar a parroquia albivermella cando o Club Deportivo Lugo anunciou a súa contratación, aló por mediados do mes de outubro: "Necesitámosvos a todos... Xuntos sempre o conseguiremos! Forza Lugo!".

Esther Sullastres e Fran Beltrán aprenden galego

Os de Nafti e García son pequenos xestos que non deberían ser noticia, pero que "lamentabelmente son excepcionais no mundo do fútbol profesional", como apunta Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Por iso destacan tanto actitudes en relación coa lingua como as adoptadas polo celeste Fran Beltrán e a branquiazul Esther Sullastres. O primeiro, madrileño, leva sumido nun proceso de aprendizaxe da lingua da Galiza desde a súa chegada ao Celta, e xa non resulta estraño que fale ou chíe en galego, "un pequeno xesto que non custa nada", di. Pola súa banda, a porteira catalá do Dépor aprende coa súa parella, coruñesa, e xa até protagoniza entrevistas de radio en galego.

Fernando Vázquez, o referente

No fútbol actual, o referente da lingua galega é Fernando Vázquez. A pesar de que o conxunto branquiazul milita actualmente na Segunda División B, o técnico de Castrofeito sempre empregou o galego nas súas distintas etapas tanto na Primeira como na Segunda División, xa sexa no Celta, no Compostela ou no propio Dépor.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, salienta a "positiva influencia" do técnico branquiazul, mais láiase de que a normalización do galego no mundo do fútbol en particular, e do deporte en xeral, teña que depender de "decisións individuais de Fernando Vázquez e de determinados xogadores, e non dun comportamento lingüístico normal por parte das directivas dos clubs galegos".

Maceira denuncia que "non hai vontade de defensa na lingua nos nosos equipos, polo menos nos de elite, que se limitan a dar unha tradución da páxina web ao galego e pouco máis". "A situación é dura, pois unha actitude positiva cara ao idioma pola súa banda tería un efecto moi positivo de incorporación á lingua, especialmente entre a xente nova", conclúe.  

Comentarios