Fracasa o experimento Seedorf en Xetafe

Ataque de treinador do holandés no capítulo 26 do campionato. Titularidade para Muntari (só disputara 12 minutos face o Espanyol). Krohn-Dehli voltou ao once após penar nas bancadas no xogo anterior. Un único punta. Non funcionou nada. Nova derrota, a 16 no que vai de liga.

Deportivo
photo_camera Un lance do encontro

O Deportivo desbaldiu o crédito gañado a sexta feira pasada en Riazor contra o Espanyol. Voltou a equipa que non compite. A equipa que se descompón en canto recebe un gol. A equipa que non ten identidade definida. Nen ataca nen defende.

Seedorf procurou un golpe de efeito no Alfonso Pérez. No canto de lle dar corda ao once que voltou a ver a luz fronte ao Espanyol, introduciu mudanzas sustanciais no cadro, talvez coa pretensión de dosificar un plantel de futebolistas abocado a xogar tres partidos nunha semana. O treinador holandés fionou todo a unha arquitectura defensiva nova na medular, cun trípode inédito formado por Muntari -o ghanés levaba 10 meses sen disputar un partido oficial-, Krohn-Dehli -cuxo estado físico é cada día máis sospeitoso- e Mosquera -recuperado para o futebol nas últimas semanas, un dos escasos logros do treinador holandés no seu primeiro mes na Coruña. A cousa foise termando máis ou menos durante 40 minutos. Até que chegou o primeiro gol, unha acción en que ficou retratado Fabian Schar, excesivamente lento, moi dadivoso cos espazos ás súas costas. Aí comezou a se desligar a equipa do xogo. Tanto que cinco minutos despois un autogol de Eneko Bóveda daba cabo do partido. Ficaban 45 minutos por diante, mais ninguén que teña visto esta equipa máis de dous xogos no que vai de campionato podía abrigar a máis mínima esperanza de que se lle dese a volta ao taboleiro de marcas.

A segunda metade foi un remake do choque contra o Alavés en Mendizorroza. Cero absoluto. Un único chut entre os tres paus, un inocuo disparo de Luisinho coa zurda desde fóra da área. O Xetafe aínda incrementou a conta, un agasallo dun infausto Eneko Bóveda. 

O fracaso do experimento Seedorf saldouse, alén do máis, cun legado velenoso para o partido do sábado en Riazor perante o Eibar: Luisinho e Mosquera -dous dos futebolistas máis en forma da equipa- viron o quinto cartón amarelo e, por tanto, non poderán ser aliñados esta fin de semana face a escadra vasca.

As estatísticas do Deportivo son estarrecedoras. 26 partidos, 4 vitorias, 6 empates, 16 derrotas. 24 goles a favor, 56 en contra (ou sexa, menos 32 como gol average). Se aínda está vivo é porque na liga hai un subcampionato con catro equipas que están a promediar no mellor dos casos (o do Levante, o líder dese grupo) 0,8 pontos por partido. Números que en condicións normais te condenan á Segunda División. O campión desa subliga ficará en Primeira División. 

Xetafe: Emi Martínez; Damián Suárez, Djené, Bruno, Antunes; Portillo, Sergio Mora (Gaku, m.63), Arambarri, Amath (Merveil, m.85); Ángel (Remy, m.74) e Jorge Molina.

Deportivo: Rubén; Juanfran, Schar, Bóveda, Luisinho; Krohn-Dehli (Borges, m.46), Muntari (Andone, m.62); Bakkali (Fede Cartabia, m.76), Mosquera, Adrián López; e Lucas Pérez.

Goles: 1-0, m. 39: Ángel. 2-0, m. 43: Bóveda, en propia porta; 3-0, m. 81: Jorge Molina.

Árbitro: Munuera Montero (Comité andaluz). Amoestou Sergio Mora, Amath, Luisinho, Krohn-Dehli, Mosquera e Bóveda.

Incidencias: xornada 26 do campionato. 5.097 persoas asistiron ao encontro no Alfonso Pérez.

Comentarios