Fotoxornalistas concéntranse nas instalacións do Deportivo e do Celta polo dereito á información

Denuncian que a Liga de Fútbol Profesional non permite o acceso aos adestramentos e pretende instaurar un sistema que perxudica a máis de 4.000 profesionais no Estado. 
Fotoxornalistas concentrados en Abegondo (Arxina).
photo_camera Fotoxornalistas concentrados en Abegondo (Arxina).

O Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia concentrouse esta quinta feira diante das instalacións deportivas do Deportivo de A Coruña en Abegondo e do Celta de Vigo na Madroa para reclamar o dereito á información perante a imposibilidade de acceder aos adestramentos dos equipos, así como aos partidos. 

Estes profesionais gráficos critican que a Liga de Fútbol Profesional intenta instaurar un sistema de distribución de fotografías cos seus propios servizos fotgráficos "amparándose no artigo 39.6 da orden SNA/399/2020 do 9 de maio publicada no BOE polo Ministerio de Sanidade en contradicción á consideración dos medios de comunicación como actividade esencial ante os cidadáns". 

Así, denuncian que esta iniciativa causa "un grave prexuízo tanto laboral como profesional para máis de 4.000 fotoxornalistas" en todo o Estado. 

Na concentración desta mañá en Abegondo e na Madroa deron lectura a un manifesto redactado en común por todas as asociacións e colectivos de fotógrafos e informadores gráficos a nivel nacional. 

Hoxe mesmo, o Consello Superior de Deportes informou de que está a deseñar un protocolo xunto coa Liga para regular o acceso en condicións seguras dos medios gráficos, escritos e radiofónicos aos estadios cando se reanude a competición o vindeiro 8 de xuño. 

Comentarios