Forza é igual a masa por aceleración: Os brazos galegos que fornecen traiñeiras vascas e cántabras

Seis das doce embarcacións que compiten na Liga San Miguel ou ACT teñen no plantel remeiros galegos, malia que só 2 barcos de Galiza compiten na máxima división do remo en banco fixo. 

TRaiñeira-urdaibai-Maider Celada
photo_camera Urdaibai, unha das traiñeiras vascas con remeiros galegos no plantel. Imaxe: Maider Celada

A Liga San Miguel ou ACT é a 'Champion' das traiñeiras, unha competición onde, tempada após tempada, 12 embarcacións pelexan por facerse co título, o máis importante deste deporte despois da Bandeira da Concha, a regata que decorre en setembro en Donostia. Nesta Liga compiten 9 barcos vascos, 2 galegos e 1 cántabro. Mais a presenza de remeiros galegos esténdese moito máis alá das bancadas das traiñeiras de Cabo de Cruz e Tirán, representantes de Galiza na ACT. Son un total de seis as embarcacións onde vogan compatriotas. Son 17 remeiros galegos os que militan en traiñeiras non galegas que desputan esta Liga.

Así, no plantel da cántabra Astillero hai 6 remeiros galegos: 2 de Moaña, outros 2 de Bueu, 1 de Muros e 1 de Marín. É a traiñeira con máis vogadores galegos, seguida da de Ziérbana, con 5: 2 do Grove, 1 de Ferrol, 1 de Vigo e 1 da Pobra do Caramiñal. En Urdaibai, unha das grandes, que na pasada ACT ficou de segunda e que gañou a Bandeira da Concha 2015 3 vogadores do noso país ocupan as bancadas deste barco: 2 do Grove e 1 de Moaña. Completa a listaxe a traiñeira de Portugalete. Na 'jarrillera' vogan tres galegos (Bueu, Poio e Esteiro).

Son, pois, 17 remeiros galegos que compiten na Liga ACT en barcos vascos e cántabros. Son de 11 vilas galegas diferentes, e os máis numerosos son os do Grove (4 remeiros) e os de Bueu (3).


 

Comentarios